Exhibición de Pablo Crespo no selectivo para os mundiais de piragüismo de Alemaña

Pontevedra
20 de xullo 2023

O padeeiro do EP Ciudad de Pontevedra conseguiu a vitoria no C1-1000 e no C2-1000, xunto ao seu compañeiro Martín Jácome. A olímpica Antía Jácome logrou tamén o triunfo no C2-200 con María Corbera

Celebración no encoro de Verducido do selectivo nacional para o mundial de piragüismo de Alemaña
Celebración no encoro de Verducido do selectivo nacional para o mundial de piragüismo de Alemaña

A pista de piragüismo do complexo deportivo David Cal do Pontillón do Castro acolleu este xoves as probas nacionais selectivas para o mundial de piragüismo sprint que se celebrará na cidade alemá de Duisburg entre o 23 e o 27 de agosto.

En dúas quendas, á primeira hora da mañá e á primeira hora da tarde, celebráronse seis regatas na que o principal protagonista foi o padeeiro do EP Ciudad de Pontevedra Pablo Crespo, que logrou a vitoria nas dúas probas nas que participou conseguindo o dereito para representar a España na cita mundialista. 

A primeira carreira tivo lugar ás 9.30 horas desta mañá. Crespo tomou a saída do C1-1000 xunto a competidores pontevedreses de recoñecida traxectoria nacional e internacional como os irmáns Noel e Diego Domínguez ou Martín Jácome. O prometedor deportista cruzou a liña de meta en primeira posición con máis de dous segundos de vantaxe sobre Diego Domínguez, segundo clasificado.

E aínda por riba, pola tarde participou na proba do C2 sobre a mesma distancia acompañado polo seu compañeiro Martín Jácome. E o dominio da dupla pontevedresa foi aínda máis abafador. Primeiros clasificados con catro de segundos de vantaxe sobre os irmáns Domínguez, que volveron quedar segundos e que tamén son capaces de competir con solvencia a nivel mundial.

Outra que volveu demostrar que está entre as mellores piragüistas do panorama internacional é Antía Jácome. A pontevedresa logrou o triunfo no C2-200 xunto á súa compañeira María Corbera no man a man contra a embarcación de Viktoria Yarchevska e Elena Gömez.

Nas outras probas, os vencedores foron Elisa e Mercedes Zapata no K2-200 feminino, Adrián do Río e Rodrigo Germado no K2-500 masculino e Pedro Vázquez e Íñigo Pena no K2-1000.

Con estes resultados e en función da distribución horaria das diferentes probas no mundial, será a dirección técnica da Real Federación Española a que decida que piragüistas representarán a España nas distintas modalidades. Aínda que Pablo Crespo conseguira o billete para o C1 e C2-1000, aínda non está confirmado que vaia a disputar as dúas probas.