Pouco importou que se tratase da súa primeira competición de 2017, ou que chegase en plena fase de posta a punto para o inicio das Series Mundiais. Para Javi Gómez Noya non hai opción de correr a medio gas.
O triatleta galego deu unha exhibición este venres no Ironman 70.3 de Dubai, no que buscaba unha praza para o Mundial da especialidade que se celebrará en setembro.
Non só o conseguiu, senón que superou con suficiencia aos seus rivais cun demoledor parcial na carreira a pé, que completou en 1 hora e 10 minutos.
Gómez Noya chegou en segunda posición o final dos 1.900 metros de natación iniciais, pero no segmento de ciclismo tocoulle sufrir e ir descendendo posicións. Chegou á última transición na novena pocisión, a 2:54 do grupo de cabeza que formaban Martin Jensen, Tyler Butterfield e Josh Amberger.
Pero era o turno do medio maratón final, onde sacou a relucir toda a súa calidade cun ritmo inaguantable para os seus rivais. No quilómetro 7 a renda reduciuse á metade, e no 12 xa lideraba a carreira, marchando en solitario cara á vitoria final.
Ao final, en meta, Javi Gómez Noya marcou un tempo de 3 horas, 42 minutos e 21 segundos, superando en máis de dous minutos ao segundo clasificado, Josh Amberger (3:44:38), mentres o terceiro foi Tyler Butterfield (3:45:10).
Co primeiro obxectivo da tempada cumprido, o pentacampeón mundial en distancia olímpica céntrase xa en chegar en boa forma ao debut das Series Mundiais, que tamén terán lugar nos Emiratos Árabes, neste caso en Abu Dhabi, a primeira fin de semana do mes de marzo.