Excesivo castigo para o Pontevedra na súa visita o Sanse (2-0)

Pontevedra
03 de setembro 2022

O Pontevedra CF segue sen coñecer a vitoria en Primeira Federación despois de caer contra o Sanse este sábado. Os granates puideron facerse cos tres puntos pero foron castigados de forma excesiva e mereceron moito máis da súa visita a Matapiñonera

Partido entre Sanse e Pontevedra CF en Matapiñonera
Partido entre Sanse e Pontevedra CF en Matapiñonera / Mosrey Fotografía

O Pontevedra CF segue sen coñecer a vitoria en Primeira Federación despois de caer contra o Sanse este sábado. Os granates puideron facerse cos tres puntos pero foron castigados de forma excesiva e mereceron moito máis da súa visita a Matapiñonera.

Apostou Antonio Fernández por practicamente o mesmo once que na primeira xornada de liga, co único cambio de Rufo e Jon Bakero en lugar de Charles e Alberto Rubio, que empezaron desde o banco.

Con centros ao segundo pau de Oier Calvillo tentou facer dano o cadro granate, asediando a portería madrileña durante os primeiros instantes e causando problemas a un Sanse ao que non lle duraba o esférico. De feito, os locais non tiñan case participación no xogo e salvábanse pola falta de entendemento dos granates, que tiveron en Rufo o 0-1, pero o dianteiro non controlou o balón.

Corría o minuto 12 de xogo cando o Sanse chegou a área de Álvaro Cortés, obrigando ao gardameta para intervir no lanzamento dun córner que ía con toda a intención de entrar e converterse en gol olímpico.

Animouse o duelo co paso dos minutos, cos madrileños asentándose co paso dos minutos e co Pontevedra facendo das súas, enviando balóns a Calvillo á banda dereita e este sacando centros que non atopaban rematador. E é que eran as defensas as grandes protagonistas do duelo, ben colocadas e gañando a partida sen excesivos problemas.

Cando si tivo problemas o Sanse foi a partir do minuto 36 cun magnífico contragolpe dos granates tras roubo no seu propio campo no que participaron Abelenda, cun pase de espuela a Yelko Pino, Bastos, Calvillo e o disparo de Bakero, que tratou de colocar á escuadra pero a definición foise desviada.

Todo o contrario ocorreu pouco despois co Sanse, que realizou unha combinación trenzada que acabou nos pés de Raúl Hernández, recentemente chegado desde a banda. Controlou, recortou a Bastos e sacou un chute que entrou na portería de Álvaro Cortés, que chegou a rozar o esférico pero non logrou detelo e converteuse no 1-0.

Seguía rápido na súa saída o cadro de Lérez, e máis co marcador en contra, pero era incapaz de superar á zaga rival, ben colocada e imbatible.

Nada máis comezar a segunda metade o Pontevedra xa buscou o empate cun centro de Calvillo desde a dereita e cabezazo en ferro de Abelenda que parou un Pedro López sublime.

Pero unha vez máis foi o Sanse o que golpeou, de novo Raúl Hernández. Non se entendeu a defensa granate, Pedro Benito filtrou ás costas da zaga a Borja Sánchez, arrastrou aos centrais cara á liña de fondo, cedeu de tacón a Arturo e este centrou ao goleador Hernández que anotou o 2-0.

Urxía unha reacción do Pontevedra, que se abriu en busca do gol. Aproveitou a situación e os espazos o conxunto branco, solto e cómodo ante a desesperación do rival que movía ficha cun dobre cambio ofensivo con Charles e Guèye substituíndo a Rufo e Bakero.

Pero os de Pasarón non atopaban o seu ansiado premio, custáballes conectar con Charles e xeraban algo de perigo pola banda de Guèye, pero o control tíñao o Sanse, que con este resultado convertíase en líder da Primeira RFEF.

Seguiron pasando os minutos ante un desesperado Pontevedra que seguía buscando un gol que parecía que ía chegar a través de centros laterais. Foi cun cando puideron reducir distancias, cabeceou Charles, recibiu Bastos e este estrelou o balón no traveseiro, pero a xogada estaba invalidada por fóra de xogo do '2'.

Non caeu o ritmo de xogo, pero os granates foron incapaces de superar a portería dun Sanse dominador que deixaba escapar o tempo levantado por unha bancada que xa celebraba a segunda vitoria do seu equipo.

UD SANSE (2): Pedro López, R. Navarro, Juanra, Charlie, Villapalos, Raúl Hernández (Borja Martínez), Arturo (Mecerreyes), Javi Gómez (Coulibaly), Pedro Benito (Ródenas), Borja Sánchez e Sergio Nieto.

PONTEVEDRA CF (0): Álvaro Cortés, Ángel Bastos, Víctor Vázquez 'Churre', Miguel Román (Alberto Rubio), David Soto, Álex González, Brais Abelenda, Rufo (Charles), Yelko Pino, Oier Calvillo (Borja Domínguez) e Jon Bakero (Guèye)

Goles: 1-0, Raúl Hernández (min. 39). 2-0, Raúl Hernández (min. 52).