A segunda derrota consecutiva do Pontevedra en liga freou a progresión dos granates. É o terceiro tropezo en catro xornadas, contando co empate ante o Compostela, con todo a pelexa polo liderado mantense en 'stand by' ao coincidir co peor momento da tempada do seu principal rival ata a data, o Unión Adarve.
As xornadas que non gañaron os de Ángel Rodríguez tampouco o fixo o Adarve, que só sumou un punto máis e mantén 6 de distancia, no que foi unha oportunidade perdida de asaltar o primeiro posto.
A pesar de que especialmente a derrota fronte ao Bergantiños foi "un mazazo moi duro", recoñeceu o técnico en rolda de prensa, Rodríguez segue confiando en que o seu equipo "vai pelexar polo ascenso e ao final imos conseguir o obxectivo seguro", e fai exame de conciencia.
Que fallou nos dous últimos partidos? Para o adestrador do Pontevedra "estamos nun período un pouquiño máis espeso con balón", polo que "creo que debemos volver tomar a frescura que tiñamos hai dúas semanas e a partir de aí o equipo volverá crecer".
Con todo e co vestiario "moi doído" pola situación, Ángel Rodríguez defendeu ante os medios que "non vou dicir que un bofetón vén ben de cando en vez a todos para espabilar porque quedan moitas xornadas, pero si que está ben que o rival que queremos perseguir tamén vai tropezando e no momento que nos poñamos como estabamos hai 15 días deberiamos encadear vitorias".
O primeiro paso para recuperar ese nivel perdido será esixente, xa que os granates deberán visitar o vindeiro domingo a un reforzado Arenteiro que a pesar de ser décimo terceiro na táboa está a mostrarse nas últimas semanas como un equipo duro de bater especialmente no seu campo, onde non perde desde que o fixese o 12 de decembro ante o Adarve.