A pouco máis dun mes do partido da Selección Española Absoluta Feminina fronte a Italia na Nations League, do próximo 1 de decembro, o Estadio Municipal de Pasarón pasou este xoves unha inspección por parte da Real Federación Española de Fútbol (RFEF).
Un equipo de sete persoas da federación nacional examinou a instalación acompañado entre outros do presidente da Federación Galega, Rafael Louzán, a presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, e o deputado provincial Jorge Cubela.
"O campo cumpre con todos os requisitos para un partido internacional desta categoría. Evidentemente hai un manual de UEFA que hai que cumprir en canto a eses requisitos e instalacións e é iso o que vimos ver: avaliar ben o aforo, todas as posicións de comunicación, posicións de cámara, accesos... Todo o operativo e o manual organizativo que ten a RFEF para este tipo de partidos", explicou tras a visita José María Mora, representante da federación nacional.
"O campo está bastante ben, sobre todo o céspede que é o elemento principal está formidable, o club teno nun estado magnífico. É o tipo de estadio que nós buscamos para as nosas seleccións co afán de que sexa unha festa e énchase para apoiar á nosa Selección Española Absoluta", completou Mora.
En todo caso a cita internacional fará que se acometan unha serie de melloras en Pasarónpara "actualizar as pequenas cousas que se van deteriorando polo uso", avanzou Rafael Louzán. "A ver se somos capaces de aproveitar un evento destas características e facer esa pequena posta a punto para a instalación", sinalou o máximo dirixente do fútbol galego.
Pola súa banda a presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, asegurou que "confluíron os astros para que a Selección Española fose campioa do Mundo, que o campo o Pontevedra Club de Fútbol conseguise que estea perfecto e que a instalación estea perfecta para acoller este partido".