A organización do Campionato de Europa de Ciclocrósque Pontevedra acollerá a principios do mes de novembro segue a dar pasos para lograr que o evento sexa todo un éxito.
Nos últimos días unha delegación de Eurovision, a parte televisiva da Unión Europea de Radiodifusión, viaxou a Pontevedra para visitar a Illa das Esculturas, lugar no que se instalará o percorrido de ao redor de 3,5 quilómetros no que se desenvolverán as carreiras nas súas diferentes categorías.
O obxectivo era planificar a cobertura televisiva do Europeo, unha carreira que contará con sinal internacional en directo para multitude de países.
En concreto estudaron posicións de cámaras fixas, móbiles, guindastres, cámaras desde cable ou zonas para o voo de drons que garantan unha cobertura espectacular da proba deportiva.
A delegación de Eurovision compuxérona dous responsables da produción, Marc Stanislas e Olivier Moser, e estiveron acompañados no seu percorrido polo xefe de prensa da Unión Europea de Ciclismo, Stefano Bertolotti; o director técnico do circuíto deseñado para o Campionato de Europa, Berto del Río; os responsables do circuíto Yeray del Río e Zoe del Río; e o responsable de comunicación do campionato, Álvaro García.
A visita e exame á Illa das Esculturas prolongouse durante case seis horas.