Estrea ligueira con triunfo para o Waterpolo Pontevedra

Pontevedra
11 de novembro 2019

O conxunto pontevedrés venceu na Coruña no seu debut en liga despois de aprazar as súas primeiras xornadas de competición

Javi de Sáa charla cos seus xogadores nun partido entre Waterpolo Pontevedra e Santiago
Javi de Sáa charla cos seus xogadores nun partido entre Waterpolo Pontevedra e Santiago / Diego Torrado

Despois de aprazar os seus dous primeiros partidos de liga, o Waterpolo Pontevedra debutou a fin de semana nunha nova tempada na División de Honra Masculina e fíxoo da mellor forma posible.

Os de Javi de Sáa impuxéronse a domicilio o CW Coruña (7-8), aínda que tiveron que empregarse a fondo.

O Pontevedra comezou o encontro cunha boa defensa e intensidade en ataque, o que aproveitou para colocar o 0-3 no marcador no primeiro cuarto. Con todo o acerto empezou a baixar e aínda que se mantiñan por diante ao descanso (2-6) varias precipitacións e un mal terceiro cuarto fixo que os locais se meteran no choque (4-6).

A situación empeorou mesmo no último parcial, chegando o Coruña a remontar o partido (7-6) con 4 minutos por xogar, pero aí reaccionou o cadro pontevedrés para empatar na seguinte acción e decidir nun emocionante final, a só 3 segundos, cun gol do seu porteiro Pablo Seoane.

Na cidade herculina xogouse tamén un encontro da Liga Galega Cadete Mixta con vitoria para o CW Pontevedra por 9-12.