Novo éxito para a pontevedresa Daniela Suárez, que segue ampliando a súa xa extenso palmarés internacional.
A nadadora do Club Galaico Sincro debutou na madrugada deste xoves no Campionato do Mundo Júnior de Natación Artísitica que se celebra en Lima, Perú, e fíxoo subindo ao podio na proba de Equipo Técnico.
Daniela formou parte do equipo español nesta competición, na que conseguiron a medalla de bronce cunha valoración global de 299.3034 puntos (40.1000 en dificultade, 96.0000 en impresión artística e 163.3034 en execución).
España só foi superada no Equipo Técnico pola selección de China, ouro cunha puntuación de 305.3328 e Xapón, prata con 303.8268 puntos.
"Estou moi contenta de como nadaron as rapazas, como competiron. Brillaron. É o que buscabamos desde o primeiro momento e o obxectivo cumprímolo, que é conseguir unha medalla", sinalou tras a competición a seleccionadora nacional, Laura López, en declaracións recollidas pola Real Federación Española de Natación.
Tras esta estrea Daniela Suárez, que esta tempada logrou dous ouros e un bronce europeos, aínda competirá no Mundial de Lima nunha proba máis, a rutina de Equipo Libre.