Catro anos no inferno da Terceira División. Catro anos de sufrimento que quedan atrás nunha data e cun resultado que xa está para sempre na historia do Pontevedra CF. Como acontecera un 27 de xuño, once anos atrás, o Pontevedra repite goleada (3-0), nesta ocasión ante o Haro Deportivo, e ascenso, neste caso a Segunda B, tras un partido intenso, non exento de sustos, pero gañado con absoluta xustiza e merecemento.
E tamén como naquela ocasión os goles se fixeron esperar ata a segunda parte. E tamén para máis coincidencia, todos eles atacando cara á portaría do fondo norte. Jorge abriu a conta. Kevin Presa fixo o segundo e de novo Jorge rubricaba a vitoria e o ascenso ante o delirio dun Pasarón abarrotado.
Pero para chegar a iso, antes pasaron moitas cousas. O primeiro susto deuno o Haro Deportivo. E como sucedera no partido ante o Manzanares, tamén aos 3 minutos de xogo. Unha contra, arma elixida polo técnico David Ochoa, está a punto de darlles o resultado apetecido. Suárez plántase ante Edu, pero o meta local consegue rexeitar.
Os rioxanos saíron mellor situados sobre o campo, apoderándose da zona ancha onde Jacobo brillaba pero estaba en franca inferioridade. E de novo avisaron os visitantes, esta vez por medio de Viola. O seu remate raso e cruzado detívoo Edu.
Pasaran 10 minutos e ao Pontevedra custáballe elaborar xogo e chegar con perigo. Fíxoo por primeira vez aos 19 minutos cun remate de Jacobo dende a frontal que dá nun defensa e a punto está de sorprender a Javi Pérez, que consegue mandar o balón a coner.
Coma se fose o sinal esperado, os granates comezaron a crecer, movendo en balón sen tanta ansiedade. Capi remataba de cabeza un corner, lixeiramente desviado, aos 28 minutos. O Haro encontraría de novo o seu mellor home, Suárez, para levar o perigo á área local. Superada a media hora marchou de Adrián con calidade e velocidade poñendo un centro que dá en Campillo obrigando a Edu a esforzarse para impedir que o balón entrara.
Os de Luisito traducían o seu dominio territorial en lanzamentos de esquina (ata oito lanzaron na primeira parte). Nun deles Jorge remata e Javi Pérez devolve o balón a corner con apuros.
Xa no tempo engadido, Jacobo proba fortuna nunha falta dende a frontal, pero o balón márchalle fóra por pouco. Fora un primeiro tempo moi disputado, pero que co paso dos minutos parecía tender a inclinarse do lado local. Faltaba comprobar se sería suficiente para remontar na segunda parte, sempre co temor ás posibles contras dun Haro cada vez máis repregado.
Non fixo falta moito para resolver a incógnita. Luisito deu entrada a Álvaro Muñiz pasando a Jacobo á banda esquerda. O Pontevedra lanzouse decidido en busca da súa presa. Non transcorrera nin un minuto tras o descanso cando un gran pase interior de Jacobo deixa só a Pablo Carnero que non acerta no man a man, enviando o balón xunto ao poste.
Daba igual. Como sucedera no partido de ida, o Haro botouse atrás, aínda que nesta ocasión empurrado por un Pontevedra con sangue na mirada. E chegou a xusta recompensa. Jacobo saca unha falta lateral. A defensa despexa en curto e Jorge, tras controlar, solta un disparo raso e duro, cruzado, ao que non pode chegar Javi Pérez. Era o minuto 56.
Non cederon os granates na presión, pero o Haro aproveitou os escasos minutos de relativa relaxación local para crear perigo. Fíxoo a través de Olavarrieta, que rematou de cabeza fóra (minuto 70), e especialmente de Viola (minuto 74), ao aproveitar un erro no rexeitamento de Anxo. Edu apareceu, xigante, para evitar a traxedia, sacando unha man salvadora.
Foi o anticipo da apoteose granate. Corría o minuto 77 cando Jorge se leva un balón a base de loita e coraxe. Chega Kevin Presa que recibe ao bordo da área e solta un disparo raso e cruzado, axustado ao poste. Era o 2-0 e a remontada.
Quedaba aguantar e sufrir. O Haro foise arriba con todo, pero os granates apertaron os dentes e rubricaron o ascenso. Primeiro puido marcar Jorge, logo Tomás, pero o destino estaba escrito para Jorge, tantas veces cuestionado durante a tempada pola súa pelexa co gol, que se converteu, xunto con Edu nun dos heroes do ascenso. No desconto levouse un balón. Óscar derrubouno e o mesmo Jorge transformou o penalti para pechar o 3-0. Un resultado máxico nunha data máxica para a familia granate, que repite un ascenso 11 anos despois.
PONTEVEDRA CF (3): Edu (3); Adrián (3), Campillo (3), Capi (3), Anxo (3); Tubo (3), Kevin Presa (3), Jacobo (3), Centrón (3); Pablo Carnero (3) e Jorge (4).
Substitucións: Álvaro Muñiz (3) por Centrón, minuto 46. Tomás (3) por Tubo, minuto 72. Pedro García (3) por Jacobo, minuto 85.
HARO DEPORTIVO (0): Javi Pérez (2); Antón (1), Txejo (1), Pirri (1), Óscar Liébana (1); Arpón (2); Javi López (1), Olavarrieta (2), Viola (1), Aimar (1); e Suárez (3).
Substitucións: Unai (s.c.) por Javi López, minuto 74.Dani Gómez (s.c.) por Olavarrieta, minuto 90.
Árbitro: Francisco Rivera García (Castela-León), auxiliado nas bandas por David Rivera García e Estefan Gonzálvez Alcalde. Amoestou a Tubo, Álvaro Muñiz, Anxo, Pablo Carnero e Jorge, polo Pontevedra, e a Txejo, Aimar, Javi López e Suárez, polo Haro Deportivo.
Goles: (1-0) Minuto 56: Jorge. (2-0) Minuto 77: Kevin Presa. (3-0) Minuto 92: Jorge de penalti.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Partido de "volta" da eliminatoria final polo ascenso a Segunda División B. Cheo cuns 12.000 espectadores dos cales preto de 200 eran seguidores visitantes, chegados en dous autobuses.