Río 2016 chega demasiado pronto, aínda que Xián Silva aspira a lograr unha praza de suplente dentro do equipo nacional que viaxe a Brasil, pero o taekwondo pontevedrés fíxase máis que nunca no soño olímpico cunha xeración de mozos deportistas que veñen pisando firme.
É o caso, de Xián Silva, pero tamén do seu irmán Unai e de Sara Cortegoso, os tres pertencentes ao Mace Sport. Todos eles foron recibidos este martes polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, tras os seus recentes éxitos deportivos.
Entre eses bos resultados encóntranse o subcampeonto de Europa sub-21 logrado por Xián, actual campión de España da categoría no peso de -80 quilos.
En novembro afrontará de novo o reto do Europeo sub-21 en Romanía, e farao xa preparándose na súa nova base de adestramento, o Centro de Alto Rendemento de Madrid, no que ve como "un salto de calidad enorme que pienso aprovechar al máximo". O pontevedrés é ademais un dos 80 deportistas de todo o estado beneficiario dunha Beca Podium.
Pola súa banda Unai, de só 13 de anos de idade, logrou este mesmo mes o bronce no Campionato de Europa cadete e afronta o Mundial da categoría, que se celebrará en agosto en Corea, coa "mentalidad de ir a ganar".
Tamén Sara Cortegoso conseguiu esta tempada bos resultados en citas nacionais e internacionais, con medallas por exemplo no Open de Holanda e no de Grecia. Compite aínda en idade júnior, pero prepara con ilusión o seu salto á categoría absoluta.