Unha espectacular exhibición solidaria de todoterreos superando obstáculos agarda este sábado en Caldas

Umia
10 de decembro 2024
Actualizado: 20:39

A 'Exhibición Solidaria 4×4' vai desenvolverse nunha parcela de sete hectáreas en Rabexe. Está a acondicionarse o recinto onde se darán cita todoterreos, semi monster trucks, buggies e quads

Circuíto onde se celebrará a exhibición en Caldas
Circuíto onde se celebrará a exhibición en Caldas / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis prepara unha xornada única este sábado 14 de decembro coa primeira edición da 'Exhibición Solidaria 4×4'.

Será un evento que combinará a espectacularidade dos vehículos todoterreo cun fin solidario: axudar á rapazada damnificada pola DINA en Valencia.

A exhibición desenvolverase nunha parcela de sete hectáreas en Rabexe, un espazo recentemente cedido polo Ministerio ao Concello, onde antes se situaba a antiga planta cementeira.

O circuíto, que leva toda a semana sendo acondicionado por un equipo municipal de cinco persoas e dúas máquinas, promete fortes emocións con gabias, ramplas, inclinacións laterais e obstáculos espectaculares.

"É unha actividade diferente, novidosa en Caldas e agardamos que teña boa acollida entre a xente, xa que vai ser moi espectacular", destaca o tenente de alcalde, Manuel Fariña, impulsor desta iniciativa xunto cun grupo de afeccionados ao motor.

A organización espera superar os 20 vehículos participantes, incluíndo todoterreos tradicionais, 'semi monster trucks', 'buggies' e 'quads'.

O circuíto estará perfectamente sinalizado segundo niveis de dificultade, permitindo que cada piloto escolla o percorrido máis axeitado ás súas habilidades.

Tanto a participación como a asistencia serán gratuítas, pedindo unicamente como "entrada" xoguetes que serán destinados ás persoas afectadas pola DINA en Valencia. Por motivos loxísticos, recoméndase que sexan de pequeno tamaño.

A xornada arrancará ás dez da mañá e prolongarase durante todo o día. O evento contará con zona de restauración baixo carpa e amplo aparcamento.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse previamente no teléfono 678 036 078.

O Concello aspira a que esta exhibición se consolide como un evento anual dentro da programación navideña de Caldas.

Manuel Fariña na zona onde se celebrará a exhibición de todoterreos
Manuel Fariña na zona onde se celebrará a exhibición de todoterreosConcello de Caldas de Reis