O Campionato do Mundo Júnior de Balonmán que se celebrará do 16 ao 28 de xullo en Pontevedra e Vigo está cada vez máis preto, e o equipo anfitrión, a Selección Española, empeza a tomar forma.
A área Técnica da Real Federación Española de Balonmán deu a coñecer este mércores a pre-convocatoria dos Hispanos Júnior, con 18 xogadores elixidos polo técnico Isidoro Martínez.
Esa lista de 18 xogadores, na que non se atopa nesta ocasión ningún representante de equipos galegos, concentrarase do 9 ao 16 de xuño no Centro de Alto Rendemento de Serra Nevada para traballar en altura e afinar a súa posta a punto.
Tras unha fase de traballo "más denso", recoñeceu Martínez, os xogadores gozarán duns días de descanso antes de ser citados de novo o 21 de xuño en Madrid para realizar a segunda etapa da preparación, na que decidirá a convocatoria definitiva para o Mundial. Durante esta fase, a Selección Española disputará o Airport Trophy e Kloten (Suíza) ante Francia, Alemaña e Suíza (28-30 de xuño); e un dobre amigable ante Tunes en León (4 e 6 de xullo).
Por último, os Hispanos Júnior concentraranse en Vigo o 11 de xullo, na véspera do seu debut na cita mundialista, xa que o seu grupo da primeira fase (Grupo A) de competición terá como sede a cidade olívica do mesmo xeito que o Grupo, mentres que Pontevedra previsiblemente e a falta só de confirmación oficial será sede dos grupos C (Portugal, Croacia, Hungría, Brasil, Barhein e Kósovo) e D (Alemaña, Islandia, Noruega, Arxentina, Dinamarca, Chile).
España, no caso de avanzar ata as eliminatorias, si xogará en Pontevedra os cruces de oitavos e cuartos de final, do mesmo xeito que as semifinais que se disputarán no Pavillón Municipal dos Deportes. A gran final pola súa banda terá como escenario o pavillón vigués das Travesas.
En canto á pre-lista, na que aparece un vello coñecido do Teucro como é o central Natan Suárez, compóñena:
- Portería | Kilian G. Ramírez (Liberbank Cuenca), Adrián Torres (Secin Group Alcobendas)
- Central | Pol Valera (Fraikin Granollers), Eduardo Cadarso (Logroño La Rioja), Ian Tarrafeta (Fraikin Granollers)
- Lateral Dereito | Miguel Martínez (Balonmano Delicias)
- Lateral Esquerdo | Mikel Amilibia (Amenabar Zarautz), Natan Suárez (Liberbank Cuenca), Pau Oliveras (Barça Lassa)
- Extremo Dereito | Sergi Franco (Fraikin Granollers), Gonzalo Pérez (ABANCA Ademar León), Mamadou Diocou (Barça Lassa)
- Extremo Esquerdo | Mikel Zabala (Bidasoa Irún), Adriá Martínez (Fraikin Granollers)
- Pivote | Pablo Martín (Ángel Ximénez AVIA Puente Genil), Eneko Goenaga (Amenabar Zarautz), Iván Montoya (Fertiberia Puerto Sagunto), Álvaro Martínez (Balonmano Delicias)