A Selección Española non puido despedirse con vitoria de Pontevedra e do Mundial Júnior de Balonmán, que finaliza na décima posición.
Tras a súa eliminación ante Francia o mércores, nun choque que se decidiu na última xogada, os Hispanos Júnior volvían saltar este xoves á pista do Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra para xogar o encontro pola novena praza contra outra das potencias caídas en oitavos de final, Alemaña.
O pau do día anterior sufrido por ambos os dous equipos, que caeron en partidos tremendamente competidos, fíxose notar na intensidade do xogo, que foi menor que nos cruces eliminatorios. A pesar diso puido verse un notable partido.
España comezou o choque cunha fluidez na parcela ofensiva que lle valía para tomar a iniciativa ante a forte defensa xermana. Foi o guión dun primeiro tempo que concluíu cun 15-13 no luminoso.
Os de Isidoro Martínez abriron algo máis de vantaxe tras o intermedio, pero Alemaña reaccionou e puxo a igualada antes de chegar ao ecuador do segundo tempo. Converteuse o xogo nunha sucesión de alternativas, e os Hispanos grazas a unha serie de contragolpes conducidos Natan Suárez conseguiron un parcial de 3-0.
O seleccionador alemán, Martin Heuberger, pediu tempo morto e conseguiu non só frear aos anfitrións, senón forzar o empate (23-23) e a quenda de penaltis, que favoreceu a Alemaña por 5-6 para quedar o noveno posto do campionato.