España cae ante Polonia e Jéssica Bouzas queda sen debutar na Billie Jean King Cup

O Salnés
15 de novembro 2024

A arousá tiña asignado o reto de competir no partido de dobres que pechaba a eliminatoria, pero España foi eliminada coas derrotas previas das súas compañeiras Sara Sorribes e Paula Badosa

Jéssica Bouzas (segunda esquerda) no España-Polonia da Billie Jean King Cup
Jéssica Bouzas (segunda esquerda) no España-Polonia da Billie Jean King Cup / EFE / Carlos Díaz

Jéssica Bouzas quedou sen debutar con España na fase final da Billie Jean King Cup que se está a celebrar en Málaga.

O equipo español medíase este venres con Polonia por un posto nos cuartos de final da gran competición tenística por países.

A arousá chegaba á cita como segunda mellor raqueta nacional no posto 55 do ranking WTA, pero a seleccionadora Anabel Medina apostou no primeiro partido de individuais por Sara Sorribes (106 do mundo) no seu lugar para tentar superar a Magda Linette (38 do mundo), á que gañaba no histórico de enfrontamentos directos.

Paula Badosa, líder española, estaba designada para o segundo encontro fronte á Iga Swiatek, número dous da WTA. Para Bouzas quedaba o reto de competir, no caso de empate, no terceiro e decisivo punto que ortorgaba os dobres facendo parella con Marina Bassols.

Para iso España debía rascar polo menos un punto nos individuais.

Sorribes estivo preto de logralo nunha durísima batalla de máis de tres horas e media de xogo, pero cedeu en tres apertadas mangas (6-7, 6-2 e 4-6).

Pola súa banda Paula Badosa mostrou o seu nivel fronte a Swiatek, pero tamén perdeu o seu duelo en tres sets (3-6, 7-6, 1-6).

Con estes resultados e ao estar xa asegurado o pase de Polonia a cuartos de final, deuse por pechada a eliminatoria sen que Jéssica Bouzas saltase á pista para xogar os dobres.

A pesar da amarga despedida da Billie Jean King Cup, a primeira convocatoria internacional de Jéssica Bouzas pon fin a unha tempada sobresaliente na que se estableceu por méritos propios entre as mellores tenistas do planeta.