Recepción municipal a dous xadrecistas da Escola Xadrez Pontevedra antes de afrontar un gran reto internacional.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a edil de Deportes, Anabel Gulías, mostraron o seu apoio aos pontevedreses David Fernández Lago e Daniel Rivera Kuzawka.
Fernández é o vixente campión nacional da Federación Española de Deportes para Cegos e sétimo do ranking mundial.
Ten previsto participar entre o 26 de outubro e o 3 de novembro no Campionato do Mundo de Xadrez para persoas con discapacidade que se celebrará en Petrovac, Montenegro.
En canto a Daniel Rivera, Mestre Internacional, será o primeiro galego en participar no Mundial de Veteranos, que no seu caso terá lugar en Porto Santo, en Madeira.
Dous "grandes representantes da cidade", destacou o alcalde.
"Quero desexarlles toda a sorte do mundo, que viaxen con tranquilidade e que o fagan o mellor posíbel", sinalou Fernández Lores.
A recepción serviu ademais para apoiar a actividade que vén realizando cada ano a Escola Xadrez Pontevedra.
Con máis de 200 licenzas activas e preto de 15 equipos competindo regularmente, o club pontevedrés programa tamén todos os anos actividades de promoción para todos os públicos.