O Escobedo pronúnciase sobre a lesión de Churre: "Sentimos responsabilidad en poderlo haber evitado"

Pontevedra
19 de outubro 2024

O xogador do Escobedo Nacho Martínez tamén quixo pedir desculpas publicamente tanto a Churre como á contorna do Pontevedra e aclara que "no fue mi intención lesionarle y menos de esa gravedad"

Churre, no partido de liga entre Pontevedra e Salamanca CF UDS en Pasarón
Churre, no partido de liga entre Pontevedra e Salamanca CF UDS en Pasarón / Cristina Saiz

Tras a grave lesión sufrida por Víctor Vázquez 'Churre' no partido do pasado sábado entre a Unión Montañesa Escobedo e o Pontevedra CF, tanto o equipo cántabro como o seu xogador Nacho Martínez quixeron mandar o seu apoio ao capitán e á familia granate.

O marinense sufriu unha rotura do ligamento cruzado anterior do xeonllo tras unha forte entrada de Nacho Martínez a destempo e nos instantes finais do encontro.

Ante esta situación, o Escobedo, a través dun comunicado nas súas redes sociais quixo manifestar "todo nuestro apoyo a Víctor Vázquez 'Churre' en su recuperación. Nos entristece enormemente recibir este tipo de noticias y más aún cuando sentimos responsabilidad en poderlo haber evitado", sinalan.

Ademais, desde o club cántabro quixeron enviar unha mensaxe de ánimo ao seu xogador Nacho Martínez, quen din "está pasando momentos delicados después de enterarse de la lesión de su compañero de profesión".

Neste sentido, o xogador do Escobedo tamén quixo pedir desculpas publicamente tanto a Churre como á contorna do Pontevedra e aclaraque "no fue mi intención lesionarle y menos de esa gravedad".

O central granate estará entre seis e oito meses de baixa e perderá o que resta de tempada.