Pontevedra xa é, de maneira oficial, sede principal de adestramento Team España Elite, grupo de traballo que liderará desde a parcela técnica Javier Gómez Noya.
Este mércores asinouse no Centro Galego de Tecnificación Deportiva o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Federación Española de Tríatlon para facer posible o proxecto.
"A idea é crear un proxecto a longo prazo, pensando mesmo nos Xogos de Brisbane 2032", explicou Gómez Noya no acto metido xa de cheo na súa nova faceta como adestrador.
Traballará con "nove atletas coa posibilidade de que se incorpore un máis", sempre coa perspectiva de moldear talento "sub-23 e con proxección para tratar de conseguir os mellores resultados posibles. Crear unha dinámica de traballo que lles axude a optimizar o seu rendemento".
Entre eles atópanse tres triatletas galegos, como a buenense Natalia Castro, a naronesa Sara Guerrero e o lugués Esteban Basanta.
Gómez Noya será "un pouco o director de orquestra por así dicilo, pero teño un equipo moi bo e moi válido ao meu ao redor para complementar algunhas cousas e tratar de ensinar a miña filosofía", explicou.
"Será un grupo dinámico en función das necesidades do calendario, das necesidades do adestramento, pero quería que Pontevedra fose a principal sede do proxecto", afirmou o múltiple campión mundial.
Trátase dun novo plan para potenciar o nivel do tríatlon en España que José Hidalgo, presidente da federación nacional, cualificou como "o maior proxecto transformador enfocado ao alto rendemento que tivo esta federación nunca".
No acto celebrado no CGTD estiveron tamén presentes o secretario xeral para o Deporte e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, celebrando que "un dos mellores triatletas da historia tratará de trasladar toda a súa experiencia e coñecementos a unha nova xeración de deportistas".
Os adestramentos do Team España Elite de tríatlon en Pontevedra darán comezo oficialmente o vindeiro luns 25 de novembro.