Entretido partido en A Xunqueira con vitoria (0-2) do Portonovo sobre un Pontevedra B coa pólvora mollada

Pontevedra
03 de febreiro 2013

Os dous equipos crearon numerosas ocasións de gol pero os visitantes, que fallaron un penalti, foron máis efectivos nos metros finais e gañaron con xustiza

Recital de porteiros e partido tenso, entretido e intenso o que ofreceron Pontevedra B e Portonovo no sintético da Xunqueira. Gañou con xustiza o equipo que adestra Ricardo Fernández, que aproveitou mellor as súas ocasións formulando un partido ambicioso, con forte presión sobre a saída de balón do filial granate, se ben tivo que traballar o seu para levarse os puntos.

Os primeiros 20 minutos foron sinxelamente espectaculares. Avisou primeiro o Portonovo, que aos 4 minutos dispuxo dunha grande ocasión ao sinalar penalti o árbitro por unhas mans de Uru dentro da área. Álex Cubas encargouse do lanzamento, pero Edu Souza comezou o festival de porteiros e logrou rexeitar o disparo do dianteiro visitante.

Logo chegaría a quenda para Marcos Bermúdez, que en pouco máis de dez minutos salvou ao seu equipo con tres intervencións prodixiosas en remates de Buba, por dúas veces, e Javi Pazos.

Perdoou o Pontevedra B nestas accións, pero non o faría o Portonovo, que á saída dun corner encontrou a recompensa á súa ambiciosa proposta, por medio dun remate de cabeza de Nacho. Era o minuto 17 e a partir de aí os equipos cederon un pouco nese arranque vertixinoso. Aínda así, antes do descanso o filial granate puido neutralizar a vantaxe arlequinada, pero o remate de Javi Pazos que rematou na rede, foi invalidado polo árbitro ao sinalar fóra de xogo.

Os primeiros minutos da segunda metade foron claves. O Portonovo saíu decidido a ampliar a renda e logrouno nunha boa xogada culminada por Martín López, minuto 50, cruzando por raso o balón só ante Edu Souza. O mesmo Martín López puido sentenciar cun novo gol, pero o seu remate a queimarroupa foi respondido polo porteiro granate cunha sensacional parada sobre a mesma liña de meta.

Na recta final o Pontevedra B dispuxo de varias ocasións para recortar distancias, ante un Portonovo dedicado a conservar a renda sen riscos. Javi Pazos disparou fóra en boa posición e Pedro encontrouse de novo, por dúas veces, cun Marcos Bermúdez sensacional.

PONTEVEDRA B (0): Edu Souza; Uru (Dani Adán, min. 71), Anxo, Emilio, Alves (Pedro, min. 71); Héctor, Paco (Portu, min. 81); Víctor, Javi Pazos, Pingüi (David, min. 46); e Buba.

PORTONOVO, S.D. (2): Marcos Bermúdez; Caste, Muñiz, César, Melchor (Marcos García, min. 92); Suso Bea, Gándara; Bolo, Nacho (Angelillo, min. 83), Álex Cubas; e Martín López (Manu Sieiro, min. 78).

Árbitro: García Lesta, auxiliado nas bandas por Fariña Biasi e Montoto Taboada (Pontevedra). Amoestou a Uru, Héctor, Víctor, Caste e Gándara.

Goles: (0-1) Minuto 17: Nacho. (0-2) Minuto 50: Martín López.

Incidencias: Sintético da Xunqueira (Pontevedra). Algo máis de 200 espectadores, con nutrida presenza de seguidores do Portonovo.