O Pavillón Municipal dos Deportes prepárase para vivir unha das grandes citas da tempada deportiva grazas ao derbi pontevedrés da Liga Asobal entre Club Cisne Balonmán e Balonmán Cangas que se disputará o vindeiro sábado 15 de abril (17.00 horas).
A festa do balonmán galego será ademais unha cita vital na loita pola permanencia na máxima categoría, co conxunto da Boa Vila apurando as súas últimas opcións de manterse na pelexa (está agora a seis puntos do obxectivo) e o cadro do Morrazo, empatado a puntos co descenso, buscando afastarse da queima.
É por iso que se dá por feita a presenza dun gran número de afeccionados cangueses que converterán o partido en toda unha celebración nas bancadas.
As entradas para o derbi fixáronse en 18 euros para o público xeneral, aínda que os socios do Cangas poderán retirar os seus billetes a un prezo reducido de 15 euros cumprindo o acordo alcanzado a principios de tempada entre ambas as dúas entidades. Pola súa banda os abonados do Cisne non terán que pasar por despacho de billetes, como tampouco o farán os menores de 11 anos.
O acesso para os menores de entre 12 e 17 anos terá un custo de 10 euros (8 euros para os socios do equipo visitante).