Un ano máis a Illa das Esculturas prepárase para recibir ao mellor ciclocrós co Gran Premio Cidade de Pontevedra, segunda proba puntuable da tempada na Copa de España da especialidade e evento de categoría internacional C1.
A cita chega ademais a un ano vista do Campionato de Europa Absoluto de Ciclocrós que a Boa Vila organizará en 2024, e preséntase case como un ensaio xeral, aínda que "a Illa das Esculturas ten unhas posibilidades infinitas e o circuíto do Europeo será diferente, con elementos como obstáculos artificiais", explicou na presentación do Gran Premio o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, acompañado da edil de Deportes, Anabel Gulías, e o representante do servizo provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides.
Serán máis de 600 os deportistas que competirán en Pontevedra con "unha alta participación internacional", confirmou Gulías, xa que entre haberá eles ciclistas chegados de Francia, Bélxica, Países Baixos, Inglaterra ou Portugal.
A competición dará comezo ás 9.00 horas do sábado cos juniors masculinos, para seguir despois ás 10.15 horas coa carreira júnior feminina, ás 12.00 horas a proba elite e sub-23 feminina e ás 13.15 horas a elite e sub-23 masculina. Xa pola tarde completará a programación ás 15.30 horas as probas cadetes, ás 16.15 horas os ciclistas máster 30, 59 e 60 e ás 17.10 horas os máster 40 masculino.
Os adestramentos oficiais están previstos ás 8.00 e ás 15.00 horas, mentres que ás 11.15 horas mantense na programación un CX Inclusivo.
En canto ao circuíto deseñado na Illa das Esculturas, contará con 3,4 quilómetros de lonxitude incluíndo taboleiros, un caracol, longas rectas pero tamén zonas técnicas ademais dun dobre paso pola zona de boxes.