Derrota, si, pero grandes sensacións do Pontevedra Club de Fútbol no seu cuarto amigable da pretemporada para demostrar que non se pon límites este curso. Os granates volvían xogar no Estadio Municipal de Pasarón sete meses despois, e facíano ante o rival a priori a bater do Subgrupo 1A e poida que de toda a Segunda B, o Real Club Deportivo, que só lles superou a balón parado nos últimos 10 minutos e cando xogaban en inferioridade por unha rigorosa expulsión de Charles.
Era todo un ensaio xeral para ambos os equipos, sinalados por moitos como candidatos a todo este ano, e como tal tomáronllo ambos os adestradores presentando sobre o céspede senllos onces iniciais con toda a artillería á súa disposición.
Jesús Ramos volveu apostar polo 4-4-2 que parece será o sistema principal do Pontevedra, cunha defensa composta por Zabaleta, Churre, Xisco Campos e Aitor Núñez: un dobre pivote formado por Imanol e Romay; bandas para Jorge e Óscar Fernández; e a punta de ataque para a dupla que ilusiona á afección pontevedresa, Charles e Rufo.
A parella atacante dos granates tardou apenas dous minutos en demostrar todo o que pode achegar, tempo que transcorreu ata a primeira gran ocasión do partido nunha rápida transición levada por Rufo que habilitou a Charles e deixouno só ante Carlos Abad, pero o gardarredes deportivista estivo máis acertado.
Non parecía un encontro propio de pretempada no inicio, con dous conxuntos moi ben plantados sobre o terreo de xogo e certa tensión no ambiente. O Pontevedra optou primeiro por deixar a iniciativa aos visitantes, sen conceder moitas opcións, tentando roubar e saír con velocidade cara ao arco contrario. Iso e a presión sobre a saída do equipo contrario son algunhas dos acenos de identidade que quere implantar o técnico.
O cadro coruñés non conseguía inquietar a meta defendida por Mario Fernández, e só o logro en toda a primeira metade a balón parado, nun córner lanzado por Nacho que Bergantiños rematou ao primeiro pau obrigando a lucirse ao porteiro local.
Aos poucos os granates foron gañando máis protagonismo co balón, e súas foron o resto de chegadas con perigo dos primeiros 45 minutos. Tentouno en dúas ocasións Rufo, no 15 e no 24, pero primeiro o seu disparo brando foi atallado por Carlos e despois o seu remate tras un bo roubo de Romay marchou desviado. Foi clara tamén a chegada de Eneko Zabaleta no 34 polo costado esquerdo, habilitado por un omnipresente Rufo, pero o lateral disparou sen acerto sen decatarse da chegada de Charles polo centro.
Unha primeira metade sobresaliente á que só lle faltou o gol e na que, como aspecto máis positivo, estivo a escasa concesión de ocasións a nivel defensivo, coa parella formada por Xisco e Churre deixando unha grata sensación.
A segunda parte comezou con cinco cambios no Deportivo, coa entrada de Mujaid, Lara, Keko, Claudio Beauvue e Salva Ruiz, por ningún no Pontevedra, aínda que o lateral Salva Ruiz apenas durou tres minutos no campo ao sentir un tirón muscular. Ao cortar a carreira, permitiu a chegada clara de Óscar Fernández polo costado dereito, pero o seu disparo cruzado atopouse unha boa man do gardameta coruñés.
Cos cambios, os de Fernando Vázquez gañaron presenza en campo contrario facendo retroceder aos granates. Así chegou unha clara ocasión de Nacho González para o cadro deportivista, aínda que o seu remate tras a transición do seu equipo por banda dereita foi defectuoso cando estaba nunha inmellorable posición para marcar.
Chegouse ao minuto 60 de xogo, momento no que Jesús Ramos deu entrada a refresco desde o banco, con sete cambios de golpe cos que só continuaron sobre o terreo de xogo Zabaleta, Churre, Charles e Rufo. Entraron Álvaro Cortés, Santi Figueroa, Pol Bueso, Borja, Álex González, Adrián Cruz e Oier.
Ao pouco de entrar, Adrián Cruz a piques estivo de adiantar aos seus cun gran lanzamento de falta que sacou Carlos Abad coa axuda do poste.
Podía parecer que con tanto cambio a intensidade podía decrecer, pero o encontro foi gañando en temperatura con varias accións polémicas que caldearon os ánimos dos xogadores. Tanto foi así que Charles viu dúas amarelas en sete minutos, por protestar e por impedir o saque do porteiro rival. Faltaban 20 minutos e o Pontevedra quedaba cun menos.
Tocaba sufrir e con todo o que chegou cinco minutos despois foi o gol dos de Jesús Ramos, nunha rápida contra conducida por Oier por banda dereita, salvando a entrada de Borja Celeiro e chegando á área para ceder o esférico á entrada de Adrián Cruz para que fixese o 1-0 premiando o esforzo dos seus compañeiros.
A pesar da inferioridade non sufriron en exceso os granates, e só o balón parado permitiu ao Deportivo igualar primeiro e remontar despois. Fíxoo cun penalti cometido por Pol Bueso sobre Keko, no minuto 80, e convertido por Beauvue. O dianteiro deportivista repetiu no 86 rematando de cabeza unha falta lateral nun gran enviou do propio Keko.
Finalmente o @RCDeportivo remontou en Pasarón con 2 goles de @CBeauvue
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) October 7, 2020
Antes adiantouse no @PontevedraCFSAD con gol de Adrian Cruz @cruz_adri10cj cando os granates xogaban con 10 xogadores pola expulsión de @Charlesbrau9pic.twitter.com/LaKTvG2sqA
Ao final primeira derrota da pretempada para o Pontevedra pero da que extrae grandes conclusións. Están preparados para competir ante calquera equipo.
PONTEVEDRA CF SAD (1): Mario, Zabaleta, Churre, Xisco Campos, Aitor Núñez, Imanol, Romay, Óscar Fernández, Jorge, Charles, Rufo. Tamén xogaron: Álvaro Cortés, Santi Figueroa, Pol Bueso, Borja, Álex González, Adrián Cruz, Oier, Iñaki, Samu Vilariño.
RC DEPORTIVO (2): Carlos Abad, Bóveda, Derik, Borja Granero, Héctor Hernández, Borges, Bergantiños, Gandoy, Nacho González, Adri Castro, Miku. Tamén xogaron: Valín, Mujaid, Lara, Claudio, Keko, Salva Ruiz, Juan Rdoríguez.
Árbitros: Miguel Ferrol Muñiz, auxiliado nas bandas por Brais García Valín e Óscar Martínez Santos. Amoestou a Churre e Adrián Cruz no Pontevedra e a Gandoy, Borges e Borja Granero no Deportivo. Expulsou a Charles nos locais por dobre amarela (63 e 70).
Goles: 1-0 Adrián Cruz (minuto 75); 1-1 Claudio Beauvue de penalti (minuto 81); 1-2 Claudio Beauvue (minuto 85).
Incidencias: Partido amigable disputado a porta pechada no Estadio Municipal de Pasarón de Pontevedra.