"Marchei cun sabor amargo porque non nos metemos en Primeira Federación". É a confesión de Eneko Zabaleta que, despois de dúas tempadas lonxe de Pasarón, regresará a Pontevedra para quitarse a espiña de hai dúas tempadas cando, no ano da conversión da Segunda B en Primeira e Segunda Federación, os granates acabaron caendo ao cuarto banzo do fútbol nacional.
Pero iso xa é historia e Eneko Zabaleta, un dos cinco fichaxes oficializados polo Pontevedra, só pensa en conseguir o obxectivo do ascenso. Cando recibiu a chamada do club non dubidou nin un só segundo en aceptar a oferta. "Pontevedra é unha boa praza e sempre apetece, en día e medio xa asinara", recoñece o defensor.
Aínda que a nivel futbolístico Zabaleta asegura seguir sendo o mesmo lateral ofensivo que tan grato recordo deixou na súa primeira etapa como granate, recoñece que saír da península por primeira vez e estar lonxe dos seus seres queridos fíxolle madurar moito máis a nivel persoal. "Faiche valorar outras cousas", recoñece tras unha tempada no Atlético El Paso da illa da Palma.
Sobre o seu rendemento sobre o céspede, Eneko non ten dúbidas. "Son un lateral con chegada e bo golpeo, pero o primeiro é defender", sostén o defensor que volverá compartir flanco cun vello coñecido como Álex González que por esixencias do guion tivo que xogar máis veces como lateral que como extremo desde a marcha do vasco.
Zabaleta é coñecedor de que, como no seu primeiro ano, os obxectivos do Pontevedra volverán ser ambiciosos e a presión por conseguilos vai estar presente desde o primeiro día de pretemporada. "A presión está ben, a xente que vén a Pontevedra sabe que vai ter esa presión. É normal que o club teña estes obxectivos", recoñece.
Con todo, advirte de que a categoría "vai ser complicada". Mostra o seu alivio por evitar aos equipos madrileños na repartición dos grupos porque "son duros" para tamén está seguro de que "haberá equipos que van dar a sorpresa" polo que considera imprescindible dalo todo desde o primeiro día.
Para chegar a Pontevedra, Zabaleta terá que completar unha longa odisea. Asentado na Palma, tivo que reservar unha praza nun ferry para trasladar todos os seus efectos persoais desde Canarias a Galicia. Con todo, todas as prazas estaban ocupadas e non poderá estar na Boa Vila para o primeiro adestramento de pretemporada previsto para o 17 de xullo.
"Son dous días e medio de viaxe", resume o lateral que tras desembarcar en Andalucía continuará por estrada ata Pontevedra. Por todo iso, o defensor, que asinou un contrato por só unha tempada, incorporarase ao traballo co grupo cuns días de atraso.