Ence renova o seu compromiso co piragüismo

Pontevedra
11 de xaneiro 2019

Dentro da categoría de 'Apoio o deporte de base' do Plan Social 2018, detémonos nos proxectos de tres clubs que apostan pola canteira: o Club Escola Piragüismo Poio, o Club Piragüismo Verducido-Pontillón e o Club Río Verdugo de Piragüismo

Adrián Sieiro e Sergio Vallejo durante o Campionato Galego en Verducido
Adrián Sieiro e Sergio Vallejo durante o Campionato Galego en Verducido /

O II Plan Social de Ence presta especial atención ao deporte de base, coa mirada posta tanto no fomento de hábitos de vida saudables como na formación de deportistas con proxección de futuro.

Unha das grandes referencias no deporte galego é o piragüismo. Do total de 111 proxectos beneficiados na categoría de deporte de base do II Plan Social, atópanse tres clubs que apostan polo piragüismo desde idades temperás: o Club Escola Piragüismo Poio, o Club Piragüismo Verducido- Pontillón e o Club Río Verdugo de Piragüismo.


CLUB PIRAGÜISMO POIO

Para o Club Escola Piragüismo Poio a axuda de Ence vai permitir reforzar a loxística para participar en diferentes competicións nacionais. Recentemente, para os desprazamentos, acaban de adquirir unha furgoneta Nissan de 9 prazas, da que o Plan Social asumiu o 40% do seu custo. Trátase dun apoio importante para un club que compite xa a nivel internacional, con Adrián Sieiro e  Sergio  Vallejo como os seus dous grandes referentes. Esta compra únese a outros materiais que se foron sumando ao fondo do club grazas tamén ao apoio do primeiro Plan Social.


CLUB PIRAGÜISMO  VERDUCIDO- PONTILLÓN

O Club Piragüismo Verducido- Pontillón remataba o 2018 coas celebracións do seu décimo aniversario e a posta en marcha dos moitos proxectos que se van consolidar grazas ao Plan Social de Ence. Un dos principais obxectivos do club é a formación, por iso é polo que parte da axuda de Ence va ir destinada á organización de diferentes cursosde iniciación, para maiores e formación destinada a persoas con diversidade funcional. Ademais, o apoio de Ence permitirá realizar unha regata no encoro de Verducido, así como sufragar parte dos gastos dos deportistas que entran en competición.


CLUB RÍO VERDUGO

O Club Río Verdugo de Piragüismo é todo un referente en Pontesampaio, nas augas do río Verdugo. Constituído no ano 1981, na actualidade conta con preto de 40 deportistas, na súa maioría alevíns e infantís que comparten adestramentos con piragüistas veteranos. Desde os 8 aos 35 anos as demandas de equipamento e materiais son moi amplas. Por este motivo, desde o club quíxose diversificar a axuda de Ence, grazas á que adquiriron tres kaiaks individuais e dúas pas para os infantís e un kaiak dobre para os  junior e  senior. Esta axuda dá continuidade aos proxectos iniciados co primeiro Plan Social de Ence, nos que o club centrou o investimento en material para os nenos, tanto piraguas como chalecos obrigatorios para a práctica do piragüismo.

Arquivado en