Ence comprométese co ciclismo de base

Pontevedra
27 de decembro 2018

Dentro da categoría de "Apoio o deporte de base" do Plan Social 2018, detémonos nos proxectos de tres clubs que apostan pola canteira: Club Ciclista Farto, Club Ciclismo Triatlón Poio e Poio Bike Club

Presentación dos equipos BTT e Mini BTT do Club Ciclista Farto
Presentación dos equipos BTT e Mini BTT do Club Ciclista Farto

O II Plan Social de Ence destina ao deporte de base 900.000 euros. Do total de 111 proxectos beneficiados nesta categoría, detémonos nas actividades que, grazas ao apoio de Ence, van desenvolver tres clubs que apostan pola canteira: Club Ciclista Farto, Club Ciclismo Triatlón Poio e Poio Bike Club.

 

CLUB CICLISTA  FARTO

Con preto de 200 licenzas, o Club Ciclista Farto-Aleata marcouse o obxectivo de converterse no primeiro conxunto profesional feminino de Galicia. De momento, xa son referencia co seu equipo elite/sub23, que conta con 14 corredoras nacionais, delas seis galegas, e incorporacións internacionais desde Arxentina, Venezuela e Portugal.

Esta aposta de futuro pasa por seguir traballando desde as bases. Para o director deportivo do club, Luis Méndez, "a intención é que a xente da canteira vaia tendo proxección cara ás categorías superiores, tanto no ciclismo feminino como masculino". En recoñecemento a este traballo, o Plan Social de Ence incluíu no seu paquete de axudas o proxecto para "dotar aos equipos da canteira dun medio de transporte para os deportistas e o seu material deportivo".

A achega económica de Ence permitirá reforzar a estrutura deportiva do club para o que "nos facían falta medios para mover aos mozos ás carreiras, porque aínda que hai moitos pais que os levan, outros non poden, e somos nós os que os levamos". Precisamente o crecemento das escolas deportivas, nas que "agora hai uns 50 nenos", abocoulles a unha situación na que "vimos que nos faltaban recursos, chegounos a axuda de Ence e puidemos completar a tempada 2018 grazas a eles".

 

CLUB CICLISMO TRIATLÓN POIO

O Club Ciclismo Triatlón Poio naceu en 2006 como Club Ciclista Monte Abaixo, xa que a súa actividade estaba centrada no ciclismo de montaña. Cos anos, foi aglutinando a diversos deportistas e disciplinas ata alcanzar as catro seccións coas que conta na actualidade: tríatlon, dúatlon, ciclismo e, desde esta tempada, tamén running.

Ademais da competición, o Club está involucrado na formación dos máis pequenos á fronte da  Escola Deportiva Municipal de Tríatlon de Poio. Segundo comenta o seu presidente, Carlos Sánchez Lareo, o apoio do Concello foi fundamental para un club que crece ano a ano e que, grazas á axuda de Ence, agora poderá consolidarse.

O proxecto beneficiado co II Plan Social servirá para "dotar aos nenos da escola deportiva e aos deportistas do club dun medio de transporte co fin de chegar ás distintas actividades que ten o tríatlon: piscina, bicicleta e carreira. Tamén no caso dos deportistas do club, polo tema das competicións, para que poidan trasladarse a probas nacionais. E ademais da furgoneta, solicitamos tamén axuda para a adquisición dun remolque pechado para poder levar bicicletas e equipamento de tríatlon".

O ano pasado tamén contaron co apoio de Ence para "dotar dun parque de material deportivo para novos socios que teñen dificultades económicas á hora de adquirir material de tríatlon, que non é nada barato". Precisamente esta axuda xa se está xestionando desde a páxina web do club, onde os socios poden facer unha solicitude para acceder gratuitamente ao préstamo de materiais como bicicletas, accesorios e equipamento deportivo, tanto para adestramento como para competicións.

 

POIO  BIKE CLUB

Sorrisos en bicicleta é o proxecto co que oPoio Bike Clubconseguiu o financiamento do II Plan Social de Ence "e está destinado ao cento por cento aos nosos rapaces, á canteira de ciclismo do concello de Poio, que a día de hoxe na escola que temos, contamos con 64 nenos e nenas gozando do deporte", en palabras de Francisco Albar, o presidente do club.

Este proxecto xa se está materializando en tres eventos deportivos que contan co apoio de Ence: o Mini BTT Concello de Poio, o II Ciclocros Poio Móvese e a Pedalada Solidaria.

Ademais "grazas á axuda de Ence puidemos xestionar un monitor máis para o gran número de nenos e nenas que temos este ano" e que pasou de 52 a 64 en parte "porque todas as actividades deste ano dan continuidade a un proxecto coa canteira que tivo un primeiro impulso no I Plan Social, do que tamén fomos beneficiarios".

Á parte dos tres eventos deportivos, a colaboración de Ence permitiu "mellorar material deportivo para os pequenos ou facer que sexan máis dinámicos os adestramentos". Por e para os nenos porque, como nos lembra o seu presidente, "os adultos custéanse todo no club e toda a axuda de Ence é para a estrutura deportiva da base do club".

Esta filosofía de club contribúe a que, entre os preto de cen socios, algúns sexan practicantes do ciclismo e outros non, pero que recoñecen o valor do proxecto deportivo "dedicado exclusivamente á base". A implicación vai máis aló, xa que os socios adultos activos no ciclismo chegan a "competir a nivel autonómico e nacional en todas as categorías, como ciclismo na estrada, BTT, ciclocros, enduro, descenso... Modalidades que son as que ensinamos tamén aos máis pequenos e que, como non, ao practicalas os nosos adultos, homes e mulleres, son unha referencia para os nenos".

Arquivado en