Nova picada do Arosa tras empatar sen goles en casa do Arzúa a pesar de ter as mellores ocasións.
No primeiro tempo o cadro arlequinado apenas cedeu ao seu rival, mentres en ataque conseguía a primeira opción de perigo cun remate de Iñaki e aos 20 minutos cunha volea de Sylla previo centro de Santi.
Alcanzada a media hora de xogo o Arzúa chegaba a portería do Arosa cunha boa contra, pero o linier sinalaba fóra de xogo.
Tras o paso polos vestiarios moveu ficha Luisito e non foi ata o minuto 54 cando tiveron a primeira ocasión do segundo tempo. Barroso centrou desde a esquerda e Sylla cabeceou ao pau. Minutos despois, xeraron outra clara cunha combinación que terminou en centro de Santi que Borja rematou mal.
Avisaron os locais cunha falta frontal botada por Santi Taboada por encima do traveseiro e, tras esa oportunidade, empezaron a chegar con máis perigo a área de Táboas, en especial a balón parado.
Pero as ocasións de maior perigo chegaron na recta final. O Arzúa no minuto 83 cunha acción pola esquerda que Martín sacou en área pequena e no 88 cunha contra que rexeitou o gardameta arlequinado.
Xa no desconto, o Arosa puido gañar na última xogada do encontro. Martín Diz disparou desde a frontal, Chema rexeitou e Sylla envíó por encima da portería para asinar un novo empate sen goles.