Empate para un combativo Leis ante o Universidad de Valladolid

Pontevedra
11 de decembro 2017

A falta de acerto en ataque pasou factura ao equipo pontevedrés, que gozou de claras ocasións para levar os tres puntos. O empate mantén aos de Manu Cossío nunha delicada situación, só un punto por encima do descenso

Partido do Leis Pontevedra no Municipal
Partido do Leis Pontevedra no Municipal / Diego Torrado

Amarga repartición de puntos para o Leis Pontevedra, que non solucionanos seus problemas na clasificación da Segunda División  B de fútbol sala ao quedar situado un só punto por riba do descenso.

A falta de acerto en ataque condenou aos de Manu Cossío, que gozaron de ocasións suficientes para terse feito cun importante triunfo ante o terceiro clasificado da liga.

Saíron ben os pontevedreses á pista do Municipal, cunha aguerrida defensa e chegando con claridade en ataque, aínda que o gardameta visitante mostrábase moi seguro baixo paus. O Universidad de Valladolid pola súa banda só se achegou na primeira metade nunha ocasión pero fíxoo nun man a man co porteiro que non conseguiría materializar.

Aos cinco minutos do segundo tempo, o cadro valisoletano poñíase en vantaxe cunha chegada ao segundo pau. A pesar diso o guión non cambiaba e o Leis acumulaba ocasións de gol mentres os minutos pasaban. Foi así ata que finalmente Dani conseguía polo menos igualar o partido e rescatar un punto para os locais.

A próxima xornada o Leis Pontevedra visitará a cancha do noveno clasificado, o Cuéllar segoviano.