Empate para o Poio Pescamar fronte ao Burela (2-2) no seu primeiro amigable de pretempada

Poio
30 de setembro 2020

Despois de moitos meses de espera, o Poio Pescamar volveu a disputar un partido de fútbol sala, e fíxoo recibindo na Seca a todo un campión de liga como o Pescados Rubén Burela. O conxunto vermello deixou boas sensacións

Partido amigable entre Poio Pescamar e Burela na Seca
Partido amigable entre Poio Pescamar e Burela na Seca / Mónica Patxot

Tiveron que pasar máis de seis meses para poder volver vivir un partido do Poio Pescamar, aínda que se tratase dun amigable.

Por fin o conxunto vermello, vestido nesta ocasión de azul, puido saltar á pista no seu primeiro encontro amigable da pretempada, recibindo na Seca ao actual campión de liga, o Pescados Rubén Burela.

Un rival de altura para o primeiro test, e o equipo adestrado por Manu Cossío superouno con nota deixando boas sensacións a dúas semanas do inicio dunha tempada na que queren aspirar a todo.

O Burela golpeou primeiro, cun tanto de Dany aos 8 minutos de xogo. E puido ser peor, porque as locais puxéronse moi pronto con cinco faltas cedendo pouco despois un dobre penalti que non aproveitou Elena.

O Poio Pescamar soubo aguantar eses momentos e xusto despois Luci conseguía o empate marcando desta forma ao seu ex-equipo. Non quedou aí a cousa e Ana Rivera pouco antes do descanso remontaba o duelo ao poñer o 2-1 no marcador.

Xa no segundo acto, o Poio foi capaz de defenderse ante as acometidas das visitantes, que buscaban a igualada. De novo estiveron preto desde o dobre penalti que estrelaron no pau, ao cargarse rápido de faltas o conxunto vermello, pero aínda que non o lograron nese instantes si acertaron desde os 10 metros no minuto 38, por medio de Cristina Pérez.

Tiveron na seguinte acción a ocasión as locais de levar o triunfo, tamén cun dobre penalti, pero evitouno a gardameta lucense cunha boa intervención.

Ao final empate que debe servir ás de Manu Cossío para crecer en sensacións de cara ao cada vez máis próximo inicio da tempada oficial.