Empate ante o Fabril dun Pontevedra que asegura a segunda praza (2-2)

Pontevedra
28 de abril 2024

O Pontevedra Club de Fútbol regresa da Coruña cun punto tras un partido frenético, sobre todo na recta final. Os de Lérez tiveron que empatar dúas veces o encontro e chegaron a ver perigar a segunda praza, pero un salvador Mario Gómez apareceu no desconto para certificar o empate. O Ourense, pola súa banda, non fallou no seu partido contra o Oviedo Vetusta (2-0) e ascende de forma directa a Primeira RFEF pase o que pase na última xornada  

Partido entre Deportivo Fabril e Pontevedra en Abegondo
Partido entre Deportivo Fabril e Pontevedra en Abegondo / Pontevedra CF

O Pontevedra Club de Fútbol regresa da Coruña cun punto tras un partido frenético, sobre todo na recta final. Os de Lérez tiveron que empatar dúas veces o encontro e chegaron a ver perigar a segunda praza, pero un salvador Mario Gómez apareceu no desconto para certificar o empate. O Ourense, pola súa banda, non fallou no seu partido contra o Oviedo Vetusta (2-0) e ascende de forma directa a Primeira RFEF pase o que pase na última xornada.

O Pontevedra saltou ao terreo de xogo fiel á súa idea, sendo protagonista co balón e realizando unha presión moi alta tras perda que obrigaba ao Fabril a correr detrás do esférico e replegarse rapidamente para evitar calquera posible susto.

Con todo, os pupilos de Yago Iglesias, a pesar de ser dominadores da posesión eran incapaces de xerar perigo claro en área rival e o máximo que conseguían era sacar disparos afastados que non atopaban os tres paus. De feito, a ocasión máis clara non chegou ata o minuto 22 de xogo cando Chiqui recibiu en banda esquerda e xutou desde o vértice da área, pero o seu disparo marchou fóra por pouco.

Seguía circulando o Pontevedra tentando atopar espazos, pero as liñas do Fabril estaban moi xuntas cunha defensa de once xogadores en campo propio que buscaban o seu momento ao contragolpe e a balón parado.

E precisamente nunha xogada un tanto illada o castigo chegou. Mario Gómez cometeu falta ao bordo da área, que se saldou con amarela para o xogador granate, e Lache disparou. Edu Sousa despexou a banda, onde Diego Gómez apareceu para colgala á área. Varias xogadores saltaron para rematar pero o último en facelo foi Pereira, enviando directamente o esférico ao interior da rede e subir o 1-0.

Necesitaban os de Lérez unha reacción urxente e non tardou en chegar. Quedaban pouco máis de cinco minutos para o descanso e Samu Mayo meteu o pé o xusto para roubar a carteira a Jairo en campo rival. Yelko abriu á dereita cara a Toño Calvo e púxoa desde o vértice da área no segundo pau, onde apareceu Chiqui para fusilar a Ríos e devolver o empate ao marcador.

Despois do intermedio, tanto un equipo como o outro saíu decidido a darlle a volta á situación. E nada máis saír dos vestiarios chegou o aviso do Fabril. Erro garrafal de Churre á hora de cortar o balón e agasallo para Jairo, que se plantou só diante de Edu Sousa con todo para marcar pero pecou á hora de axustala e estrelou o disparo no lateral da rede.

A resposta chegou automaticamente por parte do Pontevedra. Foi a través dun disparo de Yelko desde o bordo da área, pero que Ríos atallou sen excesivos problemas.

Con todo parecía que era o filial coruñés o que apertaba con maior intensidade e metía o medo no corpo do seu rival con dous novos aviso. Alfaro enviou o balón filtrado entre a defensa e Jairo apareceu desde segunda liña, pero Edu Sousa mantívose firme e tapou como puido para evitar o 2-1; e minutos despois por medio de Diego Gómez, que cabeceou por fóra un centro que puxo Nájera despois de superar liñas e rivais aos tombos.

Estaba o Pontevedra contra as cordas e desde o banco Yago Iglesias reaxustou as súas filas e deu entrada a Bastos en lugar de Toño Calvo para imprimir velocidade por banda dereita.

E empezou a apertar outra vez o Pontevedra para chegar con máis perigo a área local. A primeira foi unha triangulación entre Dalisson e Chiqui, o 11 devolveu a Dalisson, pero no man a man o gardameta despexou. A segunda oportunidade foi a máis clara. Combinación na dereita e disparo de Bastos á madeira, Chiqui cazou o rexeite, pero Ríos volveu despexar.

Arriscaban os granates e o Fabril respondeu automaticamente. Pase en longo a Jairo, que se plantou nun novo man a man con Edu Sousa, pero tentouno bater por abaixo e o gardameta granate despexou a córner.

Axitou entón o banco Yago Iglesias cun triplo cambio e os de Lérez envorcáronse por completo en campo contrario, asediando con continuos balóns á área rival pero sen conseguir bater ao gardameta local.

Estaba a ter problemas o Fabril para aguantar a presión granate e nun visto e non visto desequilibrou o encontro. Era o minuto 88 e os locais dispuxeron dun saque de esquina. Diego Gómez centrou e a defensa granate tragoulla. Gol olímpico que facía perigar a segunda praza dos granates e daba ao filial do Deportivo a permanencia na categoría.

O tanto, en lugar de deixar KO ao Pontevedra, fíxoo espabilar. Xa non había nada que perder pero si moito que gañar. Acumularon atacantes os granates e no desconto desataron a tolemia. Chiqui centrou ao segundo pau e Mario Gómez, entre numerosas camisetas deportivistas, elevouse para rematar ao interior da rede e facer o 2-2 final.

RC DEPORTIVO FABRIL (2): Ríos, Lache, Pereira (Barba, min. 75), Porto, Brais Val, Nájera (Mati Castillo, min. 75), Diego Gómez, Jairo, Alfaro, Marotías e Kevin Sánchez (Martín Ochoa, min. 79).

PONTEVEDRA CF (2): Edu Sousa, Churre, Mario Gómez, Toño (Bastos, min. 67), Yelko (Rufo, min. 76), Chiqui, Samu, Dalisson, Garay (Borja, min. 76), Eneko e Charly (Guèye, min. 76).

Árbitro: David Ruiz Martín, auxiliado en bandas por Andrea Peña Peña e Adrián Vega Portilla (Cantabria). Amoestaron a Alfaro (30'), Brais Val (62') no Fabril e a Mario Gómez (32') no Pontevedra.

Goles: 1-0, Toño Calvo (p.p.), min. 33. 1-1, Chiqui, min. 39. 2-1, Diego Gómez, min. 88. 2-2, Mario Gómez, min. 94.

Incidencias: Partido da xornada xornada 33 de liga no Grupo I de Segunda RFEF disputado no Abegondo.