Empate agridoce o conseguido polo Pontevedra Club de Fútbol este domingo en Pasarón ante o Avilés.
O conxunto granate tirou ao lixo a primeira metade e reaccionou na segunda para monopolizar o xogo e as ocasións, pero a pesar dos intentos por levar o tres puntos, tivo que conformarse con rescatar un punto que o mantén na segunda posición da táboa.
Avisou en apenas segundos o equipo visitante cunha dobre ocasión. A primeira foi un remate de Osky de primeiras tras un córner que sacaron entre Edu e o traveseiro, e a segunda un disparo de Davo desde dentro da área que de novo despexou o gardameta granate.
A réplica do Pontevedra chegou acto seguido. Yelko abriu á dereita a Iago Novo e este buscou de primeiras a portaría rival, pero o seu remate deu nas costas de Dalisson e foise fóra.
Tentaban os locais atopar espazos entre a zaga rival, pero o Avilés estaba moi ben replegado, obrigando ao Pontevedra a mover dun lado a outro e mesmo atrasar cara a Edu para alargar a posesión e non perder o balón.
Alcanzouse así o minuto 12 de xogo e foi cando os granates tiveron unha gran acción coa que abrir o marcador. Dalissonrouboulle a carteira a Kevin en banda dereita e cedeu a Iago Novo, que sacou un pase da morte que non atopou rematador. O centro despexouno un defensor e de novo o cántabro cazou o esférico para volver polo dentro da área, pero Charly rematou moi mal e foise fóra.
Replicou o Avilés no minuto 19 cunha falta lateral de José Martínez, pero Edu Sousa despexou a córner cunha gran parada.
Pasaban os minutos e o Pontevedra non lograba facer dano ao equipo asturiano, que creaba perigo con xogadas rápidas en velocidade coas que obrigaba aos granates a correr cara atrás para evitar o gol.
Unha delas protagonizouna Soler. O xogador correu toda a banda dereita sen que ningún rival puidese deterlle, buscou o centro, pero a zaga local despexou. Nada puido facer con todo o Pontevedra na seguinte acción. Sergio García foise pola esquerda e centrou aKevin Bautista. Este adiantouse a Garay, que mediu mal, e enchufó o balón na portaría para facer o 0-1.
Antes diso, tivéraa Álex González para o Pontevedra cun disparo desde o vértice da área que Álvaro despexou cunha gran parada.
A última acción de perigo da primeira parte chegou por medio de Dalisson a balón parado, pero a falta desde a media lúa foise por arriba.
Arrincou a segunda metade co Pontevedra disposto a darlle a volta ao encontro e Yago Iglesias axitou o banco cun triplo cambio, dando entrada a Igor, Héctor e Rufo en lugar de Fontán, Novo e Charly. Pasada a hora, Álex foise ao banco e Samu Mayo ingresou no seu lugar.
Pasou entón a xogar o cadro local con Héctor, Mario, Igor e Garay en defensa, Samu por diante da defensa e Yelko e Cambil compartindo liña no medio. Dalisson pasou á banda esquerda, Chiqui á dereita e Rufo en punta.
Con todo, a pesar dos cambios, o Avilés seguía amoblado e non se inquietaba en defensa por moito que os granates o tentasen por medio dun Dalisson que estaba a ser o mellor do partido e que puña a proba a Álvaro pasada a hora de xogo cun disparo bastante bambo que o gardameta atrapaba sen problemas.
Era o cántabro, de feito, o que se convertía en protagonista na xogada do empate. Foi nunha falta que lle fixeron ao bordo da área e que el mesmo sacou con veleno e colocada, deu na madeira e Rufo cazou o rexeite para devolver o empate no minuto 72.
Aínda quedaba moito partido por diante e o Pontevedra envorcouse por completo en área rival en busca da vitoria enviando balóns á área, pero Álvaro estaba disposto a ser o pesadelo de Halloween para os granates e sacounas de todas as maneiras posibles.
Xa alcanzado o tempo de desconto o Avilés quedou cun xogador menos pola expulsión de Javi Cueto, que nunha xogada illada na que Edu Sousa saíu a despexar levantou o pé á altura do pescozo e viu vermella directa.
Tentou o Pontevedra sacar algo positivo nos últimos minutos, pero tívose que conformar cun empate que sabe a pouco e afástao da primeira posición na que segue un Numancia que non perdoou.
PONTEVEDRA CF (1): Edu Sousa, Javi Fontán (Igor, min. 51), Mario Gómez, Cambil, Álex González (Samu Mayo, min. 63), Iago Novo (Héctor Hernández, min. 51), Yelko, Chiqui, Dalisson, Garay e Charly (Rufo, min. 51).
REAL AVILÉS INDUSTRIAL (1): Álvaro F., Soler, Luís Martínez, Davo (Javi Cueto, min. 81), J.D. Babín, Kevin Bautista, R. Alarcón (È. Callís, min. 70), Natalio (Santamaría, min. 70), Osky, Sergio García (Mecerreyes, min. 62) e José Martínez.
Árbitros: Johan González Rodríguez, auxiliado en bandas por Mauricio Vilariño e Javier Stevie Prado (Canarias). Amoestaron a José Fontán (28') no Pontevedra e a Luís Martínez (18'), Davo (58'), Kevin Bautista (76') no Avilés. Expulsaron con vermella directa a Javi Cueto no Avilés (90+2').
Goles: 0-1, Kevin Bautista, min. 41. 1-1, Rufo, min. 73.
Incidencias: Partido da xornada 10 de liga en Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 2.170 espectadores. Antes do comezo do partido gardouse un minuto de silencio en memoria das persoas falecidas por mor da DANA e en solidariedade polos afectados.