Emoción e adrenalina no espectacular descenso de BTT no Monte da Fracha

Pontevedra
16 de setembro 2024

O Monte da Fracha foi escenario este sábado dunha nova edición do seu espectacular descenso de BTT, no que máis dun cento de ciclistas competiron polo título do Campionato de Galicia da especialidade  

Descenso DH A Fracha
Descenso DH A Fracha / Cristina Saiz

O Monte da Fracha foi escenario este sábado dunha nova edición do seu espectacular descenso de BTT, no que máis dun cento de ciclistas competiron polo título do Campionato de Galicia da especialidade.

En total foron 116 participantes de 39 equipos de toda Galicia, entre os que se atopaban o Moto Bike Pontevedra, organizador da cita, o Farto, ou o Poio Bike Club.

O día comezou coa sesión de adestramentos, que estaba previsto que se estendese durante tres horas, de 10.00 a 13.00 horas, pero alongouse máis da conta ao rexistrarse unha caida ao final do tramo que obrigou a atrasar a proba. A competición oficial desenvolveuse entre as 16:00 e as 20:00 horas.

O circuíto, dun quilómetro de lonxitude, desafiou aos ciclistas con saltos, trialeras e baixas trepidantes que serviron de espectáculo para o público asistente.

En canto aos gañadores, Sergio Peleteiro do Moto Bike, levou a vitoria cun tempo de 02:06,256. Seguíronlle Gabriel Alonso, do equipo Tribu del Ñu, cun tempo de 02:11,013 e Esteban Paz, quen finalizou terceiro con 02:14,066.

Na competición feminina, Alba Arias do equipo Ciclosquintena coroouse campioa cun tempo de 02:43,062. Estefanía Cabarcos, do Rocasport Giant, foi segunda con 02:48,965, e Juana Vidal, do Moto Bike, completou o podio cun tempo de 02:51,677.

David Fernández foi o gañador en categoría Sub-23; Héctor Quinteiro e Arantxa Gómez en Júnior; Mario Barreiro e Nayra Giráldez en Cadete; Guillermo García e Leire Mariño en Infantil; Manuel Pellón en Máster-30, José Montenegro en Máster-40 e Marcos Araujo en Máster-50.