Emilio Pintos 'Milucho' regresa ao Teucro como director da base

Pontevedra
14 de xuño 2019

O adestrador pontevedrés volve ao club 13 anos despois para encargarse da planificación deportiva dos conxuntos de base, tarefas que desempeñará en coordinación con Laura del Castillo

Emilio Pintos 'Milucho' na súa etapa no Balonmán Lalín
Emilio Pintos 'Milucho' na súa etapa no Balonmán Lalín

A Sociedad Deportiva Teucro recupera para a súa causa a Emilio Pintos 'Milucho'. 

O adestrador pontevedrés regresa á entidade 13 anos despois como novo director técnico da base. Farase cargo da planificación deportiva dos equipos das categorías inferiores, así como da formación dos adestradores e da captación de novos xogadores.

Pintos desempeñará todas estas tarefas en paralelo con Laura del Castillo, que seguirá como coordinadora da base.

O novo director da base teucrista chega ao club tras pechar a súa etapa no Balonmán Lalín. Antes pasou por entidades de gran tradición como o Bueu Atlético, Cisne e Academia Octavio, ademais de ocupar diversos cargos na Federación Galega e tamén na Real Federación Española de Balonmán.

Milucho tamén é na actualidade o profesor exclusivo do bloque especifico de balonmán do ciclo formativo de grao medio e grao superior de técnicos deportivos, ciclo co que se obtén a vixente titulación de adestrador nivel I, nivel II e nivel III, necesarias para obter o título de adestrador na actualidade.