Ekaterina Rebón colga a medalla de bronce no Grand Prix júnior de taekwondo

Umia
16 de decembro 2024

A deportista do club Número Phi acadou a medalla de bronce na final do Grand Prix júnior, que se celebrou esta fin de semana en Bucarest. Participou na categoría de -59 quilos

Ekaterina Rebón tras gañar o bronce no Grand Prix de Budapest
Ekaterina Rebón tras gañar o bronce no Grand Prix de Budapest / Federación Galega de Taekwondo

Novo éxito deportivo para a taekwondista caldense Ekaterina Rebón.

A deportista do club Número Phi acadou a medalla de bronce na final do Grand Prix júnior, que se celebrou esta fin de semana en Bucarest.

Foi unha fantástica experiencia para Ekaterina, que segue amosando unha enorme evolución. Participou na categoría de -59 quilos.

En primeira rolda enfrontouse a Sara Kraja (Montenegro), á que superou en tres asaltos.

Nos cuartos de final tivo como rival á número 1 do ranking, a serbia Vanja Rankov, e a galega sorprendeuna e logrou a pase a semifinais en dúas roldas.

Na semifinal esperaba outra taekwondista serbia, nesta ocasión Nina Zecirovic, que logrou superar a Ekaterina en tres rifados asaltos. Zecirovic finalmente acadou a medalla de ouro en Bucarest.

Na final do Grand Prix o bronce decidiuse nunha eliminatoria entre as dúas perdedoras das semifinais e a galega enfrontouse a Kala Midzor (Croacia), número 2 do ranking.

Pero no tapiz foi Ekaterina a que demostrou unha gran superioridade para impoñerse a súa rival en dous asaltos.