Eduardo Gil e Anna Serrallonga acadan o campionato de España de Orientación 2016

Pontevedra
28 de marzo 2016

O campionato por comunidades gañouno a comunidade valenciana, quedando Cataluña e Castela León en segunda e terceira posición respectivamente. As últimas probas desenvolvéronse no Monte Siradella e na Lanzada

Última xornada do Campionato de España de Orientación
Última xornada do Campionato de España de Orientación / Noel Queipo

O CEO pechaba este domingo 27 as súas portas coa última proba de competición, a carreira de media distancia celebrada no monte Siradella (O Grove), nunha mañá na que luciu o sol e os participantes puideron gozar non só da paisaxe se non tamén do clima.

Os gañadores desta última proba en categoría elite foron en primeira posición Andreu Blanes e Anna Serrallonga, en segundo lugar Eduardo Gil e Ona Ràfols, e en terceiro posto Luís Nogueira e Violeta Feliciano. Tendo en conta as tres probas disputadas durante estes días o gañador final do campionato foi Eduardo Gil (seguido de Antonio Martínez e Andreu Blanes) e a gañadora do CEO 2016 foi Anna Serrallonga (seguida de Ona Ràfols e Violeta Feliciano).

O campionato por comunidades gañouno a comunidade valenciana, quedando Cataluña e Castela León en segunda e terceira posición respectivamente.

Finaliza así este evento deportivo que contou con máis de 1.200 participantes, orientadores de varias comunidades e ata 300 participantes doutros países. E que contou coa inestimable colaboración dun equipo de organización de máis de 130 persoas (entre socios do club Aromon e voluntarios da cidade de Pontevedra) que se deixaron a pel para que todo saíse á perfección.

"Finalizamos a organización do CEO2016, un reto que nos propuxemos hai 3 anos e que afrontamos coa maior ilusión. Sabiamos que sería unha tarefa ardua e de feito espremeunos ata o límite, pero creo que foi unha experiencia única na que temos adquirido os coñecementos e a experiencia necesarias para organizar eventos ao maior nivel. Teño a sensación de que cumprimos coas expectativas e que os orientadores se levan un bo sabor de boca da orientación en Galicia", indicou Javierl Alvelo director do CEO 2016 e vicepresidente do club AROMON, organizador da proba.