Edu Sousa: "Isto é unha carreira de fondo"

Pontevedra
23 de outubro 2024

O gardameta do Pontevedra Club de Fútbol defende, tras os últimos resultados positivos do seu equipo, que "non perderamos os nervios e a perspectiva" xa que "estamos só na xornada 8"

Edu Sousa, porteiro do Pontevedra, durante un adestramento
Edu Sousa, porteiro do Pontevedra, durante un adestramento /

Non é un dos capitáns do primeiro plantel do Pontevedra Club de Fútbol pero é sempre unha voz autorizada no vestiario e tamén no club. Non en balde é xa un dos xogadores que máis veces vestiu a elástica granate en competicións oficiais.

Edu Sousa foi o futbolista escollido para dar a habitual rolda de prensa dos mércores no Estadio Municipal de Pasarón, e o gardameta defendeu a confianza do plantel no traballo que están a realizar e en poder pelexar a final de tempada polo obxectivo do ascenso directo, agora a só dous puntos de distancia.

"Non perderamos os nervios e a perspectiva a pesar dalgún resultado que non queriamos, como o do Marino", sinalou.

O porteiro pontevedrés reiterou que "é só a xornada 8" e "isto é unha carreira de fondo".

Ademais Sousa referiuse ao próximo encontro de liga, de novo unha saída a un campo de céspede artificial como é o do Guijuelo e tras dúas experiencias consecutivas moi positivas en Langreo e Escobedo.

"Son campos de superficie diferente onde xogamos cada 15 días, porque Pasarón pisámolo cada dúas semanas e onde adestramos é no Manolo Barreiro", polo que "nunca debe ser unha escusa", asegura, ao estar habituados a traballar sobre céspede sintético.

Con todo a de Guijuelo "sempre é unha saída que ten unha marquiña en vermello polo complicada que é", afirmou en relación aos encontros xogados alí en tempadas precedentes e porque é un equipo "que sabe moi ben ao que xoga sobre todo no seu campo".

O partido entre Guijuelo e Pontevedra disputarase o sábado 26 de outubro (17.00 horas), polo que os granates teñen previsto realizar o último adestramento da semana este venres.