Empate xusto e puido ser bastante peor. O Pontevedra xogou o peor partido de lonxe da etapa Luisito e posiblemente un dos peores, especialmente na segunda parte, en bastante tempo. Mal con balón e peor nas accións sen o coiro, os granates xogaron a mercé do equipo vigués, que foi mellor e máis ambicioso ata conseguir o empate, logo repregouse. Edu que detivo dous lanzamentos de penalti, o primeiro inexistente, evitou a que sería xusta vitoria do Bouzas.
Comezo atropelado e accidentado. Cos dous equipos excesivamente acelerados incorrendo en impreciones e erros nas entregas. O que mellor leu a situación foi o conxunto granate, que moi pronto empezou a encontrar os tremendos espazos que deixaba o adiantamento de liñas visitante.
Precisamente eses espazos aproveitounos o Pontevedra para inaugurar o marcador. Foi unha contra fulminante na que Jorge (minuto 9) rompeu en velocidade (e tamén muscularmente) a Yago Yao, que quedou tirado no cesped, incapaz de seguir a carreira do dianteiro. O seu pase deixa o balón en bandexa a Pablo Carnero, que non perdoa marcando a porta baleira tras regatear con sangue fría e calidade Sergio Ríos.
E se Yago Yao resultou lesionado na xogada do primeiro gol local, Capi debía abandonar o campo aos 20 minutos, ao sufrir un forte golpe que lle provocou unha aparatosa hemorraxia, con probable fractura dos ósos do nariz, tras un salto con Tomás. Un defensa central por cada equipo, o que obrigou os técnicos a realizar axustes en ambas as dúas zagas.
O Bouzas non perdeu a cara a un partido aberto, de ida e volta. Mesmo exerceu o dominio territorial, pero a custa de expoñerse ás contras dos locais, que encontraban unha autoestrada cada vez que buscaban en velocidade abrir o balón ás bandas. Nunha desas accións puido chegar o segundo gol (minuto 25) nunha xogada similar á do primeiro e cos mesmos protagonistas, pero nesta ocasión o pase de Jorge rematouno Pablo Carnero excesivamente cruzado.
Os aurinegros chegaban pola aposta arriscada de Jorge Otero e porque o Pontevedra non conseguía impoñerse no centro do campo, deixando ocos que o Bouzas, romo en ataque, non aproveitaba. A dúbida era se os do Baltasar Pujales conseguirían manter o forte ritmo e a intensidade imposta, pero tamén se lograrían sacar dela algo positivo en forma de ocasións de gol que non lograron xerar ou se serían os de Luisito os que sentenciarían nalgunha acción de ataque nas que se mostraran superiores.
Pero non só o mantiveron senón que o incrementaron. Amparados na desastrosa segunda parte realizada polo Pontevedra e na protestada actuación arbitral, o Bouzas conseguiu o mando absoluto do partido.
Os granates naufragaban na zona ancha, sen ninguén que asumise o mando e absolutamente perdidos, evidenciando defectos que parecían esquecidos pero que viñeron a recordar as carencias do equipo, tanto na zona de construción, como á hora de manexar os tempos e ritmos de xogo.
Co equipo absolutamente partido e encomendado á inspiración individual de xogadores como Pablo Carnero (dos poucos que se salva da mediocridade xeral, xunto co porteiro Edu), o Pontevedra xogou con lume e rematou queimándose.
Certo que antes puido marcar, nunha gran xogada individual de Pablo Carnero, de quen senón?, que rematou estrelando o balón no longueiro (minuto 48). Foi o canto do cisne, porque os locais non volverían crear nin unha soa ocasión máis de perigo serio.
O resto fíxoo o Bouzas e o colexiado, que empezou co seu recital de despropósitos no minuto 53, sinalando a instancias do seu asistente, un penalti por derrubamento de Pedro García a Tomás, que non existiu. Apareceu Edu, que adiviñou o lanzamento de Chema rexeitando o disparo.
Para entón xa só había un equipo no campo e este era o visitante, que de novo se estrela contra o seu infortunio e desaproveita un segundo penalti, este xusto, sinalado por empuxón claro de Pablo sobre Tomás (minuto 62). O mesmo Tomás se encarga do lanzamento e outra vez aparece Edu, agora co pé, para evitar o empate.
O que xa non podería facer o porteiro local sería salvar o remate de Tomás, de cabeza en prancha, aproveitando un gran centro de Pablo (minuto 69). Era o xusto premio ao equipo que máis o estaba a merecer. En realidade ao único que estaba a xogar e buscaba a porta rival con ambición.
Pero esa ambición transformouse en prudencia. Co empate o Bouzas decidiu defender o conseguido e o Pontevedra pasou a dominar, pero só de forma aparente e sen ningún perigo. Nin os cambios melloraron ao conxunto granate, que nin xogou nin creou ocasións. Mesmo puido recibir maior castigo nunha última acción de Jacobo, minuto 86, que rexeitou Edu, a figura do partido. Mal síntoma para un equipo que xogando na casa ten no seu porteiro ao seu home máis destacado.
PONTEVEDRA CF (1): Edu (3); Adrián (1), Pablo (1), Capi (s.c.), David Feito (1); Tubo (0), Kevin Presa (1), Mouriño (0), Jacobo (0); Pablo Carnero (3) e Jorge (2).
Substitucións: Pedro García (1) por Capi, minuto 21. Tomás (0) por Jacobo, minuto 65. Anxo (1) por Kevin Presa, minuto 70.
RÁPIDO DE BOUZAS (1): Sergio Ríos (1); Portas (1), Castro (2), Yago Yao (s.c.), García (2); Chema (2), Iago Paz (2); Yahvé (1), Diz (1), Miky (2); e Tomás (3).
Substitucións: Pablo (2) por Yago Yao, minuto 11. Jacobo (2) por Yahvé, minuto 58. Gabi Misa (s.c.) por Diz, minuto 79.
Árbitro: Héctor Castiñeira Blanco (A Coruña), auxiliado nas bandas por Marcos Ordóñez Rodríguez e Pablo Miguel Patricio Blanco. Amoestou a David Feito, Pedro García e Mouriño, polo Pontevedra, e a Iago Paz, polo Rápido de Bouzas.
Goles: (1-0) Minuto 9: Pablo Carnero. (1-1) Minuto 69: Tomás.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón. Uns 1.500 espectadores. Os xogadores de ambos os dous equipos e o trío arbitral saíron ao terreo portando unha pancarta na que figuraba o lema "Non á violencia no fútbol".