Aínda coa imaxe na retina dunha Pontevedra ateigada para vivir a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, a Boa Vila mira xa cara aos seus próximos grandes eventos deportivos, con citas importantes confirmadas xa para os dous próximos anos.
"Temos cuberto ata 2025 pero de aí en diante estamos xa traballando", recoñecía o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores analizando o vivido durante a fin de semana. Tanto é así que nin sequera pechaba a porta para volver a organizar máis adiante de novo unha Gran Final. ""Está aberta esa posibilidade", afirmou.
Pero máis aló diso 2024 preséntase xa como un ano de intensa actividade deportiva na capital das Rías Baixas, coa loita olímpica e o ciclocrós como citas marcadas en vermello.
Por unha banda, do 1 ao 8 de setembro, Pontevedra será sede do Campionato do Mundo Sub-23 de Loitas Olímpicas, unha cita que supoñerá tamén a organización dos mundiais Sub-17, Sub-20 e Sénior da modalidade de Grappling (28-31 de agosto).
A outra gran competición será o Campionato de Europa Absoluto de Ciclocrós, que terá lugar do 1 ao 3 de novembro de 2024 na pontevedresa Illa das Esculturas.
A esta programación súmanse citas de alcance nacional como o Campionato de España Absoluto de Kárate (17-18 de febreiro) ou o Campionato de España de Clubs de Tríatlon, confirmado por Lores pero aínda sen data decidida.
Se iso non fose suficiente en 2025 a Boa Vila volverá acoller un gran evento internacional de tríatlon como son os Campionatos do Mundo Multideporte, competición para a que xa foi designada oficialmente como sede e que xa organizou en 2019, supondiendo a chegada á cidade de miles de deportistas.