A Sociedad Deportiva Teucro caeu este sábado ante o OAR Coruña por un contundente 30-24, nun encontro no que estaba en xogo a segunda praza da clasificación e que dá acceso ao play-off polo ascenso a División Honra Prata.
Trátase dunha derrota importante pero non decisiva, e é que a falta de seis xornadas para a conclusión da liga regular, os pontevedreses aínda teñen marxe para meterse na fase ao atoparse a tan só un punto do cadro coruñés.
En canto ao encontro, estivo marcado no seu inicio por unha continua igualdade que rompía cada vez que había algunha exclusión nas filas dalgún equipo. A máis clara foi a de Andrés Pérez aos 14 minutos de xogo, que supuxo a maior diferenza da tarde a favor dos locais (+3). O Teucro apertou o resultado nun gol (11-10), o OAR recuperou a renda (13-10) e Marko e Caue fixeron o propio para reducir distancias e enviar o partido ao descanso en 13-12.
Pero tras o paso polos vestiarios, o equipo de Lérez veu completamente abaixo. Arrincou ben a segunda metade, pero o empuxe do equipo local e da súa afección fixo dano aos xogadores azuis, que non impediron ao seu rival colocarse cunha vantaxe de catro cando aínda restaban 20 minutos para a conclusión (20-16).
Irene Vilaboa parou o cronómetro, pero foi incapaz de dar coa tecla coa que reverter o marcador, polo que os locais seguiron enchufando lategazos que se transformaban nunha diferenza de seis goles (26-20).
A adestradora visitante volveu parar o tempo, pero o Coruña manexou á perfección a situación para finalmente pechar o partido cun avultado 30-24que lle permite asaltar a segunda praza da clasificación.
Consulta a acta nesta ligazón