Incendiaria rolda de prensa a que ofreceu o adestrador do Numancia, Aitor Calle, tras a derrota do seu equipo este mércores no Estadio Municipal de Pasarón fronte ao Pontevedra Club de Fútbol.
Para o técnico numantino "gañounos un Pontevedra que menos a fútbol xogou a todo".
"Despois de analizar moito o Pontevedra foi dos partidos máis rañicas que fixo con moita diferenza. Creo que merecemos moitísimo máis e marcho frustrado, porque creo que só había un equipo que quixo gañar este partido e fomos nós", despachouse ante os numerosos medios de comunicación presentes.
A súa única autocrítica de feito foi recoñecer que "non acertamos", xa que ao seu xuízo "o Pontevedra non quixo saber nada do partido e nós tentámolo co noso estilo, coa nosa identidade, con moitas ganas, pero con pouco acerto, e creo que fixemos todo o necesario excepto marcar para ternos levado como mínimo un empate".
Segundo Calle, con respecto aos seus xogadores, "fixemos un partido nobre, limpo, intenso como somos, co corazón. Puxemos todo pero hai cousas que non, non todo vale", defendeu.
A súa explicación foi aumentando de intensidade ao referirse a certas accións polémicas, queixándose de que o Pontevedra "foi favorecido polas decisións arbitrais", en referencia sobre todo á posición de Dalisson na acción do gol reclamada como fóra de xogo.
Ademais "tivemos que aguantar situacións como as do final. Catro minutos atendendo a Edo Sousa e só deron seis minutos de prolongación. Que Yelko Pino se meta dentro do campo dous metros para cortar unha xogada de Góngora paréceme algo... vamos, xamais pensaría que un xogador da talla de Yelko faga unha cousa así para cortar un contrataque dun rival. Ese é o Pontevedra que nos gañou hoxe, sen facernos ningunha ocasión e con ese tipo de artimañas. Tiven que aguantar de todo na tribuna, que si somos uns leñeros, que si somos non sei que, e resulta que nos gaña un equipo que só fai trampas. Que tristeza", afirmou o adestrador do Numancia.
Por último Aitor Calle defendeu estar "moi orgulloso" do seu equipo avanzando que non dan a batalla do ascenso por perdida, xa que "imos seguir pelexando. É a nosa identidade, é o noso estilo e ímonos a deixar a vida nisto. Quedan 21 puntos por diante e aínda estamos vivos, a pesar deste resultado".