Partido dos grandes, dos que poden marcar a traxectoria duns e outros para o resto da tempada. Cerceda e Pontevedra pechan a primeira volta ligueira cun duelo no cumio entre os dous primeiros clasificados (domingo, 17:00 horas, no Roxo), con máis que tres puntos en xogo.
Os de Luisito afrontan o choque nunha posición de privilexio, co simbólico título de campións de inverno no peto, saben que de vencer deixarían a un dos seus principais rivais a sete puntos, o que supoñería un importante colchón, tendo en conta ademais que o Deportivo B, que vén pisando firme dende atrás, ten tamén unha complicada saída ao Baltasar Pujales, onde lle espera un sempre difícil Rápido de Bouzas.
Iván Abel Bruzos (Lugo), auxiliado nas bandas por Tania Fente Pena e Alejandro Ferreiro Méndez, será o encargado de dirixir o partido, un colexiado que xa arbitrou aos granates nesta mesma tempada, concretamente no debut de Luisito no banco con vitoria no desconto fronte ao Boiro.
Ambos os dous equipos terán unha baixa por sanción federativa. No Cerceda o ausente será Noé, mentres que no Pontevedra Anxo cumprirá ciclo de amoestacións e tampouco poderá xogar.
Pero a esas baixas ambos os dous conxuntos deben engadirlles outras. Así, mentres o Cerceda ten lesionados a Pablo Agulló, Marcos Caridade e Peque, o Pontevedra deberá botar man do equipo xuvenil para completar a convocatoria, xa que tras as baixas federativas de Luismi e David Feito, xunto á lesión de Fran Fandiño, que apura os últimos días antes de estar en condicións de reaparecer, o contratempo sufrido por Benja no último adestramento do ano cunha distensión muscular, deixa ao técnico con unicamente 15 xogadores do primeiro equipo dispoñibles.
Deste modo, tras o último adestramento semanal, que nesta ocasión tivo como escenario o campo do Carrasco, en Marcón, Luisito limitouse a confirmar que viaxarán a Cerceda os 15 xogadores cos que pode contar, ademais do xuvenil Iago Martínez, quedando a lista formada por: Edu, Lloves, Adrián, Campillo, Pablo, Capi, Iago Martínez, Kevin Presa, Pedro García, Mouriño, Tomás, Jacobo, Tubo, Centrón, Pablo Carnero e Jorge.
A principal dúbida do técnico céntrase en decidir quen ocupará a posición de lateral esquerdo, na que moi posiblemente sitúe a Campillo, que xa actuase nesa demarcación na súa etapa no Ourense, mantendo así a Adrián no lado dereito.
En fronte, o equipo de José Luis Ameneiro intentará facer valer a súa fortaleza como local, e o seu potencial ofensivo, con homes como Cano, Herbert ou Uxío, que son dos máis valorados da categoría, aos que se incorporou Abelenda, dianteiro procedente do Rácing de Ferrol.
Das dificultades de puntuar no Roxo falan ben ás claras os datos no que levamos de tempada, con cinco vitorias e só tres empates cedidos (fronte a Choco, Ribadumia e Rácing Villalbés), sendo o único equipo da categoría que aínda non foi batido no seu terreo.