O plantel do Pontevedra está de vacacións do Nadal. Pero o descanso non durará moito. A clasificación para a seguinte rolda da Copa do Rei trastornou os plans do corpo técnico obrigando a acurtar o parón e a duplicar o volume de traballo para preparar da mellor forma posible o enfrontamento contra o Mallorca e o importantísimo duelo posterior contra o Badaxoz en Pasarón.
Os xogadores fixeron as maletas tan pronto como o colexiado pitou o final do encontro no que os granates eliminaron ao Tenerife o pasado 21 de decembro. Só sete días despois, os futbolistas volverán verse as caras no campo de adestramento.
Antonio Fernández citou aos seus ás 10.30 horas do día 29 para unha primeira toma de contacto. A xornada continuará en sesión de tarde cun novo adestramento ás 16.30 horas. E o plan repetirase ao día seguinte. O día de fin de ano, o plantel só traballará na quenda de mañá e terán descanso o día 1 xaneiro para regresar iniciar o vindeiro luns unha nova semana de adestramentos con menor carga e co foco posto na eliminatoria copeira.
PLANIFICACIÓN SEMANAL | Unha semana de descanso e o xoves comezamos a preparar o partido fronte o @RCD_Mallorca de Copa do Rei con dúas sesións dobles de preparación #IzandoVelas#HaiQueRoelopic.twitter.com/mGdsgFxeKg
— Pontevedra CF (@PontevedraCFSAD) December 26, 2022
O obxectivo deste parón non era outro que o de recuperar xogadores lesionados. O 2022 pechouse coa enfermería colapsada. Ángel Bastos, Diego Seoane, Miguel Román, Borja Domínguez, Alberto Rubio e Mario Ortiz arrastran diferentes molestias e aínda non está claro se van poder estar ao dispor do adestrador para o primeiro partido do ano.
Tamén tiña pensado o técnico aproveitar os primeiros adestramentos posvacacionais para seguir puíndo e mellorando o traballo táctico, unha misión á que non poderá prestar tanta atención polo éxito alcanzado na Copa do Rei.