Dous partidos de sanción a Yago Iglesias, que non poderá dirixir o Pontevedra na eliminatoria polo ascenso

Pontevedra
22 de maio 2024

O Comité de Competición castigou con dous encontros de suspensión o adestrador do Pontevedra pola súa expulsión no choque fronte ao Deportivo Aragón. Non poderá sentar no banco nin na ida nin na volta contra o Betis Deportivo

Yago Iglesias, na eliminatoria do play-off de ascenso entre Pontevedra CF e Deportivo Aragón en Pasarón
Yago Iglesias, na eliminatoria do play-off de ascenso entre Pontevedra CF e Deportivo Aragón en Pasarón / Cristina Saiz

Yago Iglesias non poderá sentar no banco para dirixir o Pontevedra Club de Fútbol na eliminatoria final polo ascenso fronte ao Betis Deportivo.

O Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol confirmou este mércores o castigo ao técnico granate pola súa expulsión no duelo fronte ao Deportivo Aragón.

Como vén sendo habitual no caso dos adestradores, a sanción imposta a Iglesias é de dous encontros de suspensión, polo que lle afectará tanto para o encontro do próximo domingo no Benito Villamarín como o decisivo do Estadio Municipal de Pasarón o domingo 2 de xuño.

Yago foi expulsado por unha dobre tarxeta amarela, a primeira no minuto 28 de xogo por "realizar observacións de carácter técnico a unha das miñas decisións" e a segunda, xa no minuto 69, "por saír da área técnica cos brazos no alto e protestando unha das miñas decisións", explicou o colexiado do partido na acta arbitral.

YELKO PINO, A UNHA TARXETA DA SANCIÓN

O Pontevedra afrontará ademais o duelo de ida da eliminatoria contra o Betis Deportivo cunha xogador clave en alerta amarela. Trátase de Yelko Pino.

O centrocampista granate é o único futbolista que foi amoestado nos dous partidos de play-off disputados, e de ver unha terceira tarxeta amarela en Sevilla converteríase en baixa para o choque decisivo de Pasarón. Salvo expulsión, ningún xogador máis do plantel atópase ameazado por esta circunstancia.