Dous ouros e un bronce, o extraordinario balance de Daniela Suárez no Europeo júnior de natación artística

Pontevedra
03 de xullo 2024

A nadadora do Galaico Sincro volveu a casa con dúas medallas de ouro e unha de bronce, asinando un balance á altura das grandes estrelas deste deporte  

Equipo español no Europeo júnior de natación artística, con Daniela Suárez (arriba, segunda á esquerda)
Equipo español no Europeo júnior de natación artística, con Daniela Suárez (arriba, segunda á esquerda) / Galaico Sincro

Non lle puideron ir mellor as cousas á pontevedresa Daniela Suárez no campionato de Europa júnior de natación artística que se celebrou na cidade de Cottonera (Malta).

A nadadora do Galaico Sincro volveu a casa con dúas medallas de ouro e unha de bronce, asinando un balance á altura das grandes estrelas deste deporte.

As dúas medallas de ouro que se colgou Suárez foron nas rutinas de equipo técnico e de equipo libre, xunto ás súas compañeiras Naia Álvarez, Rocío Calle, Isabel Shuang Cui, Aurora Lázaro, Carla Lorenzo, Paula Marcipar e Martina Sarmiento.

O bronce, pola súa banda, chegoulle como reserva do equipo de rutina acrobática, onde á pontevedresa e a Paula Marcipar substituíronas Ariadna Benito e Xenia de la Puente.

O seguinte obxectivo deportivo para Daniela Suárez será entrar na convocatoria para o Mundial de Lima (Perú), que se realizará no Videna Aquatic Center do 28 de agosto ao 1 de setembro.