Dous goles no último minuto dan a vitoria ao Marín Futsal ante o Teldeportivo (3-4)

Marín
13 de maio 2023

Coas locais xa descendidas e as marinenses coa permanencia xa certificada, o público asistente á Cidade Deportiva Gran Canaria gozou dun partido igualado no que non faltaron os goles    

Partido entre Marín Futsal e Teldeportivo na Raña
Partido entre Marín Futsal e Teldeportivo na Raña / Cristina Saiz

Con dous tantos no último minuto, un de Pau e outro de Café, o Marín Futsal remontou ante o Teldeportivo para facerse cos tres puntos.

Coas locais xa descendidas e as marinenses coa permanencia xa certificada, o público asistente á Cidade Deportiva Gran Canaria gozou dun partido igualado no que non faltaron os goles.

Adiantáronse aos cinco minutos as visitantes nunha xogada de estratexia que Nuria rematou no segundo pau un centro chute de Pau de saque de banda.

O Teldeportivo tentaba facer dano á contra, mentres o Marín, cómodo na cancha, tamén gozaba de numerosas ocasións que a gardameta rival encargábase de deter. A máis clara foi para as de Ramiro Díaz nunha contra conducida por Café que María León non logrou rematar a porta baleira.

A que si acertou foi Idoya a favor das locais. Á saída dunha xogada de estratexia en saque de esquina botado por Pina, Idoya disparou potente pegado ao pau e conseguiu igualar o encontro.

Nos últimos instantes do primeiro tempo Nuria puido adiantar de novo ao Marín pero o seu chute estrelouse no pau.

Ao comezo do segundo tempo Gema logrou voltear o luminoso desde a frontal e, antes do ecuador nunha boa combinación, María Estévez habilitou a Adri para que devolvese o empate. Na medianía do período, Lara estrelou un remate ao pau para as visitantes, que ademais cubrían a cota de cinco faltas.

Dominaba o xogo o Marín e o Teldeportivo tentaba facer dano con lanzamentos afastados. O colexiado expulsou con dobre amarela a Lucía e as visitantes dispuxeron dun libre directo que detivo Iria Varela.

A superioridade numérica permitiu a Martita anotar o 3-2 das canarias que parecía darlles a vitoria, pero no xogo de cinco o Marín foi irresistible e condenounas por completo. Primeiro Pau facía o 3-3 e xa nos últimos segundos á saída dun saque de esquina, Café batía a Mariona e facía o definitivo 3-4.

TELDEPORTIVO (3): Marta Jiménez; Ontiveros, Martita, Play e Gema (quinteto inicial). Tamén xogaron, Sofía, Escribano, Marta Colado, Idoya, Virginia, Pina e mariona (segunda porteira).

MARÍN FUTSAL (4): Lucía; Café, Adri, Pau e Inés Mayán (quinteto inicial). Tamén xogaron, Nuria, Lara Balseiro, María León, María Estévez e Iria Varela (segunda porteira).

Goles: 0-1, min. 5 Nuria. 1-1, min. 17 Idoya. 2-1, min. 22 Gema. 2-2, min. 28 Adri. 3-2, min. 39 Martita. 3-3, min. 40 Pau. 3-4, min. 40 Café.

Incidencias: Ciudad Deportiva Gran Canaria. Colexiados, Almeida León e Santana Santana. Amoestaron a Adri e expulsaron a Lucía (39') no Marín FS.