O Dorrón celebra a súa historia e o seu novo rexurdir

Sanxenxo
07 de abril 2025

O club de Sanxenxo, con ánimos renovados tras estrear esta tempada o seu novo campo, celebrou un encontro de ex directivos e ex xogadores para festexar os seus máis de 40 anos de vida

Reunión de exxogadores e directivos do Dorrón CF
Reunión de exxogadores e directivos do Dorrón CF / Dorrón CF

O fútbol en Sanxenxo non se pode entender sen a achega dos seus clubs, entre eles o Dorrón CF, que vive unha nova xuventude pero que non esquece o seu pasado.

Tras estrear esta tempada o seu renovado campo do Cruceiro, o Dorrón camiña con paso firme e ánimos renovados deixando atrás definitivamente unha dura etapa na que mesmo chegou a deixar de competir.

Faino agora cun único equipo masculino na Terceira Futgal, pero fiel ás súas raíces. Esas que lle levaron a contar con equipos de base e ata a chegar na década dos 90 a Primeira Rexional.

E é que son máis de 40 anos de vida as que contemplan o club, fundado en 1982, e toda esa bagaxe é a que se quixo conmemorar nunha xornada moi especial.

Tres exxogadores do Dorrón (Basti, Ramón e Rafa Agís) lanzáronse a organizar unha reunión de ex xogadores, directivos e adestradores do club.

Todo un éxito de convocatoria cunha comida celebrada no restaurante Casa Portuguesa, en Dena, e que contou con preto dun cento de asistentes.

A xornada celebrouse o pasado sábado 5 de abril, na previa dunha nova data de competición.

Un partido que, a pesar de finalizar con derrota (1-4) contra a EFB Vilanova, non evita que o Dorrón siga ocupando a quinta posición do seu grupo, un posto a que lle daría dereito a disputar a fase de ascenso.