Dominio belga e neerlandés no ciclocrós XaxánCX de Marín cun bronce para a júnior Uxía Soto

Marín
10 de outubro 2022

A ciclista do Supermercados Froiz conseguiu no Monte Gagán o seu segundo podio internacional da fin de semana

Podio do ciclocrós XaxánCX de Marín
Podio do ciclocrós XaxánCX de Marín / Federación Galega de Ciclismo

A primeira fin de semana de ciclocrós internacional en Galicia completouse este domingo en Marín. Ao día seguinte do Cidade de Pontevedra, o XaxanCX puxo de novo puntos UCI en xogo, neste caso nun evento de categoría C2, e os dous triunfos nas probas Elite-Sub23 asináronos corredores estranxeiros. A belga Laura Verdonshot e o neerlandés Ryan Kamp subiron ao máis alto dun podio no que a júnior do Supermercados Froiz Uxía Soto ocupou o terceiro chanzo na carreira júnior. 

A campioa de España elite Lucía González (Nesta-MMR) non puido repetir vitoria e no evento organizado polo XSM no circuíto de Chan de Gagán tivo que conformarse coa segunda posición. A asturiana, 24 horas despois de ter gañado na Illa das Esculturas, veuse sorprendida por Verdonshot. A belga decantou ao seu favor un emocionante man a man. Coa terceira praza fíxose Sofía Rodríguez (Nesta-MMR).

Ás portas do top 10 e de ter sumado puntos UCI quedou Irene Trabazo (XSM). A elite marinense clasificou undécima e, exercendo de anfitrioa, foi a mellor entre as galegas. Laura Mira (Supermercados Froiz) ocupou a décimo séptima praza na táboa xeral e a oitava entre as sub 23.

A carreira Elite e Sub 23 masculina tivo de novo como dominador a Ryan Kamp. O neerlandés do Pauwels-Bingoal non deu opción aos seus rivais e pechou unha fin de semana perfecta. A novidade respecto ao acontecido na véspera en Pontevedra estivo no segundo posto. O cántabro Kevin Suárez (Nesta-MMR) superou ao campión estatal Felipe Orts (Burgos-BH) e os dous mellores especialistas españois na actualidade escoltaron ao gañador na entrega de trofeos.

En canto a representación galega, tres corredores conseguiron rematar unha carreira na que entre os dez primeiros houbo sete estranxeiros. O elite Iván Feijoo obtivo a duodécima posición, Anxo Carril (Coruxo) finalizou décimo cuarto e oitavo entre os sub23; mentres que Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) concluíu como décimo sexto e décimo entre os sub 23.

O mellor resultado autonómico da xornada nas probas de clase UCI C2 protagonizouno Uxía Soto. As representantes da selección italiana dominaron a carreira júnior, con vitoria de Valentina Corvo e segundo posto de Federica Venturelli, e tras loitar pola segunda praza, a ciclista do Supermercados Froiz entrou terceira, mesmo posto que acadou o sábado en Pontevedra. A 1:09 da ponteareá cruzou a liña de meta a betanceira María Filgueiras (XSM), cuarta. Marta Estévez e Aroa Otero, novena e décima respectivamente, tamén sumaron puntos UCI e xusto a continuación das dúas corredoras do Supermercados Froiz terminou Sarela Conde (Academia Postal-Maceda).

Outra demostración do potencial do combinado azzurro na categoría júnior viviuse na competición masculina. Elian Paccagnella venceu por diante do seu compañeiro de selección Samuelle Scapini e o francés Noah Andre meteuse terceiro. Un puntou UCI colleitou Tomás Pombo (Padronés-Cortizo), que bateu a André Martínez (Avanza-O Porriño) no esprint pola décima posición e por ser o mellor galego.

Durante a sesión matinal tamén se celebrou a carreira inclusiva. Por primeira vez Marín acolleu no seu ciclocrós internacional esta proba que permite ás persoas con capacidades diferentes compartir escenario con algúns dos mellores especialistas do mundo. Un novo paso adiante para a súa integración.

As citas internacionais continuarán en Galicia este mércores nas Pontes. O sábado chegará a quenda de Ribadumia e o domingo, a de Sanxenxo.