Cómodo e solvente triunfo da Sociedad Deportiva Teucro fronte ao Juventud Las Palmas.
O conxunto pontevedrés impúxose por un avultado e cómodo 39-22 despois de dominar o encontro de principio a fin.
De feito é que o equipo adestrado por Irene Vilaboa deixou sen opcións o seu rival desde o asubío inicial, enchufando un 4-0 e mantendo a portaría a cero durante máis de seis minutos.
Jorge Hernández foi excluído, e esa superioridade numérica aproveitouna o Teucro para facer o seu mellor xogo e seguir anotando gol tras gol, o que obrigaba o técnico visitante a parar o tempo aos nove minutos de xogo (8-1).
Con todo, o conxunto local continuou coa súa boa dinámica. A superioridade era evidente e reflectíase nunha vantaxe de 14 goles ao descanso (23-9).
A pesar de estar todo decidido e coa vitoria no bote, o cadro lerezano mantivo o ritmo para deixar sen marxe o seu rival, que aínda que mellorou en tarefas ofensivas, non puido deter a hemorraxia e viuse superado en todos os aspectos do xogo até caer por 39-22.
Consulta as estatísticas neste enlace