Cos dedos rozou o Club Baloncesto Arxil a que fose a súa segunda vitoria da tempada na Liga Feminina Challenge.
O conxunto pontevedrés tivo na súa man o triunfo na visita ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva do que chegaba como mellor cuarto equipo da competición, o Recolectas Zamora, pero terminou caendo na prórroga.
O duelo fora aprazado a fin de semana pola convocatoria internacional de varias xogadoras como as locais Raquel Laneiro e Nena Trajchevska.
Foi unha dura proba para o Arxil, que para chegar aos minutos decisivos con opcións tivo que remontar un encontro que se lle puxo en contra no segundo parcial. Tras dez minutos iniciais de igualdade máxima (19-18), o Zamora tomou a dianteira antes do descanso aproveitando momentos de pouco acerto cara ao aro das locais, abrindo oco cun 33-41 ao intermedio.
Tocaba remar e fixérono as xogadoras adestradas por Marita Janeiro nada máis volver do vestiario. A defensa subiu de nivel e cun parcial inicial de 15-1 daba a volta ao marcador (48-42) con Raquel Laneiro e Nerea Liste liderando o ataque pontevedrés.
Chegábase ao último cuarto cunha lixeira vantaxe arxilista de 52-48, pero o partido aínda sen pechar.
En xogo estaba unha vitoria crucial nas aspiracións de permanencia do Arxil e as verdes tentaron manter o tipo, apertaron os dentes e estiveron a segundos de levar o botín.
Unha canastra da visitante Scott no último minuto levaba o choque ao tempo extra (63-63) cando xa se saboreaba o triunfo.
Foi un duro golpe que aproveitou o Zamora para entrar mellor na prórroga e pronto marcar terreo para terminar asaltando o CGTD co 68-74 final.
Con este resultado o Arxil queda estancado na penúltima posición e desaproveita a oportunidade de engancharse á zona de salvación.
Este domingo 17 de novembro terán unha nova oportunidade para iso visitando a pista de La Cordá de Paterna.