Doce combates compoñen o cartel da quinta edición da Copa Galicia de Boxeo en Marín

Marín
21 de novembro 2023

A Copa Galicia de Boxeo celebrarase o vindeiro sábado 2 de decembro no pavillón da Cañota

Cuarta edición da Copa Galicia de boxeo na Cañota
Cuarta edición da Copa Galicia de boxeo na Cañota /

O pavillón marinense da Cañota volverá vibrar o vindeiro sábado 2 de decembro co mellor boxeo autonómico grazas á quinta edición da Copa Galicia.

Ata 12 combates compoñerán o cartel do evento, na que dúas seleccións do norte e sur de Galicia disputarán o título en xogo.

Antes, a modo de previa, abrirán a xornada ás 18.30 horas as bautizadas como 'SuperFights' con protagonismo de deportistas do club local, o Team Thunder marinense. Serán catro enfrontamentos empezando por Lucas Hermida fronte a David Rodríguez (Boxing Arousa), seguindo por Pablo Lubián contra Samuel Marfo (Sagabox), Miguel Ángel Prado fronte a Mario Núñez (Sagabox) e finalizando cun duelo entre Raúl Loira e Carlos Leiro.

Ás 20.00 horas está previsto que de comezo a Copa Galicia en si. Nesta competición representarán ao norte da comunidade Santi Alonso, Gorka Papín, Andrés Domínguez, David Díaz, Andres Bonigno, Juan Sanmartín e Álvaro Pampín e competirán polo sur David González, Iago Outeiriño, Juan Iñarrea, Filipe Amoedo, Richard Nery, Borja Brao e Emmanuel Obaseky.

Por último poñerá a guinda á xornada o combate polo título galego neoprofesional entre o local Aarón González 'The Thunder' e o ourensán Manuel Jiménez 'Nono' ás 22.00 horas da noite.

As entradas para o evento poderán adquirise de maneira anticipada a un prezo de 13 euros (15 euros en despacho de billetes) no Café Nao, en Five Sport e nos ximnasios participantes.