O calendario internacional de tríatlon reactívase. O pentacampeón do mundo, Javier Gómez Noya, non estivo no campionato de España celebrado a pasada fin de semana en Pontevedra porque tiña dous esixentes compromisos consecutivos en Francia e Holanda. O atleta ferrolán participou o sábado en Chateauroux nun gran premio do prestixioso campionato nacional francés, no que terminou en cuarta posición. E ao día seguinte desprazouse á cidade holandesa de Róterdan para disputar unha proba da Superleague na que acabou terceiro.
Nesta última, unha nova proba indoor no que os dez participantes completaron tres carreiras en piscina, rodete e cinta de correr, o triatleta afincado en Pontevedra soubo repoñerse a unha mala primeira proba para conseguir 24 puntos que lle permitiron finalizar o seu concurso nesta etapa da Superleague SLT Area Games en terceira posición empatado a puntos co británico, Jonathan Brownlee, cuarto. O portugués Vasco Vilaca foi segundo e o alemán Justus Nieschlag, primeiro.
"Segunda competición este finde semana! Contento e sorprendido co meu bronce nos Superleague Arena Games, en Róterdan. 200 m nadar, 4km en bicicleta ( Zwift) e 1km en cinta curva. 3 veces, con 3 min de descanso. Fixen un mal primeiro tríatlon, por culpa dunha pésima T1, pero moito mellor no segundo e terceiro, para subir ata a terceira posición final. Gran carreira de Justus e Vasco e felicidades á Superleague por facer posible un evento innovador, seguro e de primeira clase mundial", publicou o campión mundial nas súas redes sociais.
Un día antes, Gómez Noya participara no tríatlon sprint (750 m de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira) disputado de forma habitual en Chateauroux. Nunha competición por equipos, o ferrolán uniuse ao Lievin Triatlon e cedeu nos derradeiros metros diante do francés Dorian Coninx, o noruegués Kristian Blummenfelt e o tamén francés Leo Bergère.