Gran inicio de 2024 para o Pontevedra B, cun triunfo vital que lle permite achegarse á zona de permanencia na Terceira RFEF, conseguido ademais ante un dos aspirantes ao ascenso como a UD Ourense e remontando nos minutos finais.
Libasse Guèye foi o gran protagonista do encontro, ao lograr os dous goles que lle deron os tres puntos ao filial, o segundo a tres minutos do final cun bonito disparo ao ángulo.
Antes diso o encontro disputado no campo da Seca, en Poio, parecía ter unha clara cor visitante, e é que tras un inicio de tenteo e alternancias no xogo a UD Ourense adiantouse pronto no marcador co gol de Antón aos 19 minutos, tras un servizo de Corzo.
O tanto foi un golpe para os de Jesús Ramos, que estiveron preto de encaixar o segundo nos seguintes minutos, pero que se repuxeron cun par de chegadas antes do descanso.
Xa na segunda metade o Pontevedra B deu un paso á fronte para buscar a igualada, chegando con máis frecuencia ao área contraria e poñendo en apertos o cadro visitante, que tamén puido encarrilar o duelo nun centro lateral que tocou nun defensor e acabouse estrelando na madeira.
Salvouse o filial e o que chegou foi a igualada. Era o minuto 83 e Guèye atopaba premio facendo xustiza co 1-1.
Non quedou aí o equipo granate, que seguiu inisitiendo ata que no 87 chegou o definitivo 2-1, de novo dun Libasse que redondeaba así o mellor partido desde o seu regreso a Pontevedra para xogar co segundo equipo.
Aínda puido marcar o Ourense no desconto, xa a desesperada, pero os de Jesús Ramos resistiron para quedar cun triunfo que revitaliza as súas opcións de permanencia en categoría.